somostribo
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    Ramón Vilar: “O dos libros é coma o dos fillos: co primeiro estás aí pendente toda a noite a ver se respira e co segundo xa adormeces pensando que mal será”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

  • deporte
    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

  • economía-Empresas
    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

  • contacto
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    Ramón Vilar: “O dos libros é coma o dos fillos: co primeiro estás aí pendente toda a noite a ver se respira e co segundo xa adormeces pensando que mal será”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

  • deporte
    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

  • economía-Empresas
    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

  • contacto
somostribo
No Result
View All Result

Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

por Marga Pazos
16/06/2020
A A
Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”
Comparte en FacebookComparte en TwitterComparte por WhatsApp

Unha rotura de ligamento de xeonllo cambioulle a vida en 2010. Como pontifican os grandes gurús dos DAFO, Brais Revaldería (Lugo, 1982) converteu a ameaza en oportunidade e aproveitou a baixa médica para cumprir un soño que fora adiando durante anos: marchar a Estados Unidos estudar un master. Agora dirixe en Nova York a súa propia produtora, Cinexin Studios, participa noutros dous proxectos relacionados co sector audiovisual, CABN Collective e Popsicle, e traballa cos máis grandes (HBO, Coca Cola, Mercedes…) mentres mantén a vista posta en Galicia e nas súas orixes, rodando documentais sobre o noso pasado vikingo, a herdanza romana do Arde Lucus ou tradicións ancestrais coma a Rapa das Bestas de Sabucedo. Brais Revaldería é tribo.

Soñabas con algo disto cando paseabas de pequeno polas murallas de Lugo ou polo paseo da Coruña ou polas prazas de Santiago?

Nunca puiden imaxinar que me pasaría nada do que me pasou nestes últimos dez anos. Eu vivín en Galicia ata os nove anos, suficiente para levar comigo a morriña e a nosa cultura. Iso é o que sempre fai que queira volver. Aínda me faltan moitas cousas por aprender de Galicia, algo que intento cos documentais. Agora mesmo estou falando contigo dende México, porque non me quixen ver na situación de estar en plena pandemia nos Estados Unidos coa miña muller e ter que ir a un hospital alí para atoparme coa factura ao cabo dunha semana se algún se poñía enfermo. Cando eu era neno non creo nin que falara cos meus pais sobre México; con Estados Unidos pouco máis ou menos o mesmo. Non tiña nin idea do que me depararía o futuro.

Agora falaremos da pandemia, dos Estados Unidos e da súa sanidade. Moita xente podería dicir que nove anos son poucos para deixar tanta pegada…

É que creo que foron os mellores anos da miña vida e de aí creo que me vén este amor tan grande que teño por Galicia, por esas lembranzas incribles daquela época. Pasaba as fins de semana en Laxosa, a aldea dos meus avós, en Lugo; facía cabanas nas árbores, estaba na granxa do meu avó, sacaba as vacas ao prado, unha cousa que me encantaba, vía na horta como medraban as verduras, apañaba nas patacas, comía as froitas directamente das árbores, cousas que agora moitos nenos non teñen. Creo que é algo que hai que valorar moito, para min foi moi importante.

De onde che vén a vocación polo audiovisual? Eras dos que xa de pequeno gravabas os festivais de fin de curso?

Unha parte polo meu pai, loxicamente. El dedicouse toda a vida á televisión e iso mameino na casa dende neno. Cando foi subdirector de informativos de TVG levábame á televisión, eu vía as cámaras e os platós e alucinaba, así é como funciona o que vemos na tele, parecíame incrible. Iso espertoume a curiosidade. Despois, xa cos anos, antes mesmo de ir á universidade, xa tiña a miña cámara de fotos e de vídeo, marchaba cos amigos á praia ou a calquera lado e gravaba todo. Pero todo. Despois obrigábaos a ver dúas horas de vídeo, algo infumable, pero a min facíame graza, partiámonos de risa, os meus amigos aínda me din hoxe “menos mal que melloraches moito” (risas).

Moitas veces ata ocultei o meu apelido. É mellor que a xente non o saiba. Estiven en programas onde os compañeiros non souberon que era Revaldería ata o último día de emisión. Eu só quería demostrar o que sabía facer antes de que me xulgasen. Cargas con esa mochila do apelido sempre

É verdade que tes un apelido moi vencellado ao sector audiovisual. Teu pai ocupou postos moi importantes en diversas canles, pero iso é sempre unha axuda ou ás veces tamén pode ser un obstáculo?

Si, fíxate, de feito, unha das motivacións que tiven para marchar de España foi esa precisamente.  Vouche poñer un exemplo moi sinxelo: nos últimos premios Mestre Mateo, canta xente cres que dixo diante de min: “non coñecía a Brais, pero si o seu pai”? Moita xente. Eu teño unha traxectoria e a miña propia carreira, pero loxicamente meu pai é moito máis grande ca min. Leva 40 anos traballando a un nivel tan alto que cando ven o meu apelido din “claaaaro”. Houbo veces en que iso me abriu portas, pero outras moitas foi un handicap en España sobre todo á hora de empezar un proxecto ou un programa de televisión novo. Estiven saltando entre Telecinco, Cuatro, de deseñador gráfico, de editor de realización, en distintos postos, e sempre tiña que escoitar “aaaaah, Revaldería…”. Aí empeza o runrun “estará enchufado, saberá o que fai?” Eu intentaba estar coa cabeza baixa, facendo as cousas ben e demostrar que non estaba alí por meu pai, que era tan profesional coma eles. Moitas veces ata ocultei o meu apelido. É mellor que a xente non o saiba. Estiven en programas onde os compañeiros non souberon que era Revaldería ata o último día de emisión. Eu só quería demostrar o que sabía facer antes de que me xulgasen. Cargas con esa mochila do apelido sempre.

Cando aterrei en Nova York non sabía nin falar inglés. Só sabía dicir “hello, how are you?”, nada máis

Iso cambiou en Estados Unidos: rompiches un xeonllo e nese momento decidícheste a marchar estudar un master na escola de cine, onde non te coñecera ninguén, pero iso tamén ten a súa cara B. Ti tampouco sabías nada do que ías atopar…

Cando aterrei en Nova York non sabía nin falar inglés. Só sabía dicir “hello, how are you?”, nada máis. E ponte a estudar un master así. Saía suando das clases, concentrado para intentar entender o que dicía o profesor, tiña que preguntarlles aos compañeiros. Si podo dicir que en  Estados Unidos, sen coñecer a ninguén, e sen ningunha axuda de ninguén, o que fixen ata agora fíxeno eu. A reputación que poida ter arestora é só cousa miña.

Foi o traballo de teu pai o que te sacou de Galicia e te levou a Madrid? Como viviches aquel cambio?

Foi complicado ao principio. Galicia e Madrid son moi diferentes. Botaba moito de menos a cercanía da xente, como somos os galegos. É algo que sempre digo, en Galicia, se fas un amigo de verdade, é para toda a vida. Noutros sitios parece que é máis doado que se che acheguen, parecen máis abertos, pero á hora da verdade, non son amigos como o entendemos nós. Creo que se trata da nobreza dos galegos que non atopei noutros sitios. Eu viña afeito a iso, e cheguei a Madrid, onde os outros nenos me dicían que eu tiña un acento raro, “que acento?”, pensaba eu, “se os que falades raro sodes vós, ejque, ejque, ejque todo o día…”. Cheguei a un mundo diferente e acabeime adaptando como me adapto a todos os lados. Agora cando vou a España paro en Madrid, teño alí amigos e familia, pero prefiro mil veces ir a Lugo.

Naciches en 1982, pertences a unha xeración que deixa pegada nos nomes dos teus proxectos: Piruleta&Media e Cinexin, un xoguete que tivemos moitos de pequenos. Ti tamén?

Claro! (risas) e foi outro dos detalles que me empuxou nesta dirección. Cando o dis aquí non teñen nin idea de que lles falas. Puidemos rexistrar o nome porque non existe, eles chamábanlle doutra maneira. Pero á xeración dos 80 xéralles esa nostalxia. Piruleta pechámolo hai pouco porque tíñao con catro socios en España e, ao marchar eu, cada un foi facendo a súa vida e non lles podo pedir que sigan empuxando se eu marcho. Temos Cinexin, CABN Collective cun socio americano en Nova York, co que facemos contido online e realidade virtual, e abrín un estudo de gravación de foto e vídeo en Brooklyn hai un ano agora, Popsicle, que é como lle chaman aquí aos polos de xeado.

Cinexin tamén ten delegación en España, que volume de negocio representa?

Si, o meu socio lévao alí, Ricardo Pérez, de Cádiz, un fenómeno, un xenio dos efectos especiais. Eu facía moita postprodución, pero ao asociarme con el xa o deixei, é moito mellor ca min. Agora mesmo o 50% do volume de ingresos da compañía vén de España e o outro 50%, da parte americana.

Que se sente cando un día chama HBO?

O día que me din que queren que me incorpore ao primeiro proxecto que fixen con eles, que era para Westworld no festival de South by Southwest non sabía nin de que me estaban falando. Era para facer en 15 días a experiencia inmersiva de Westworld. Nunha semana tiña que coller todo o meu equipo e levalo a Texas, gravar escenas con 60 actores para recrear a serie, naquel momento a máis exitosa de HBO xunto con Xogo de Tronos. Alá que marchamos, subín ao avión, perdéronme unha maleta do equipo, reclamación, e cando cheguei a Austin atopei 3.000 metros cadrados de decorado espectacular que te facían sentir que estabas en Sweetwater, a vila da serie. Tal cal. Era iso. A día de hoxe segue sendo a experiencia inmersiva máis exitosa da historia. Netflix intentou copialo, Amazon tamén, pero non é o mesmo. Fomos os primeiros.

Esa iniciativa dáballes aos fans e aos espectadores da serie a oportunidade de introducirse na propia trama, na súa atmosfera real e ademais convivir cos actores e facer o seu propio personaxe, non?

Exactamente. E ademais había unha historia. Estaba baseada nun guión de 440 páxinas en que podías decidir a que personaxe seguir. Ao final había unha recompensa, se debullabas todo o que significaba a historia, acababas atopando un aparello, que era o labirinto e o premio. Imaxina saber de antemán cal é a historia, cal é o guión, como avanza todo. En momentos que tiña libres poñía un sombreiro de vaqueiro e metíame dentro, era incrible. Por alí pasaron milleiros de persoas. Só o día da prensa foron 1.200 acreditados, máis todo o casting da serie e Elon Musk, físico, inventor, amante de todo o futurista. O resto dos días había catro pases, chegaban autobuses e autobuses cheos de xente. Tiñan un convenio con Delta en que se subías a un avión en Nova York, por exemplo, no teu billete non poñía Austin, Texas. Poñía Westworld. Iso xa che dá a idea de como se traballou este proxecto a nivel de marketing, cada detalle está coidado.

Iso mesmo pasou con Xogo de Tronos. Que sentiches cando sentaches no trono de ferro?

Cando sentei no trono tiven que facer a foto, loxicamente. Despois de tantos anos vendo iso entendes todo: como non se vai matar toda esta xente por sentar aquí? Sendo fan vívelo doutra maneira e, ademais, era o trono real, era o de verdade. Con Westworld trouxeron o tren enteiro a Austin nun camión xigante. O último día fixemos unha festa no vagón. É outro nivel para facer as cousas. Moven o mundo para que a experiencia de dous días dun número determinado de persoas sexa inesquecible. Cando rematamos Westworld a xente de HBO quedou moi contenta e tamén contaron con nós para Xogo de Tronos. Aí xa era director asociado do proxecto, tiña aínda máis responsabilidade. Volvéronme perder a maleta no aeroporto (risas), iso non cambiou. Se teño que volver voulles pedir que por favor ma perdan, por que se non voume sentir raro (risas). O de Xogo de Tronos era un proxecto para unha fin de semana e o orzamento para eses dous días eran uns 12 millóns de dólares. En calquera outro país con ese diñeiro fas tres películas, unha serie e mil anuncios. HBO gasta iso nunha fin de semana, fan as cousas a ese nivel e neses dous días conseguen exposición durante meses por todo o mundo e gañando premios. Con Westworld foron tres Clio, un León de ouro en Cannes, un Emmy… Chegas alí e estás co mellor do mellor. O que che deseña as luces é o mellor do mundo, monta 500 luces en tres días. O dos decorados é o mellor do mundo, recrea Invernalia ou Desembarco do Rei á perfección. Isto facíase nunha nave industrial xigante onde construíron a propia sala do trono cun coro espectacular, cunha sala de experiencia inmersiva e realidade aumentada, e o campamento do exército dos vivos onde podías loitar contra o exército dos mortos. Era algo espectacular, algo que ata que ves cos teus propios ollos non podes nin imaxinar. Neses dous días tes 70 actores traballando alí de continuo, tamén tiñamos o coro de 35 persoas e parte do equipo repartido. O traballo de milleiros de persoas. Construír ese decorado levou máis dun mes, conseguen que todo pareza de madeira, de pedra. Non podes fallar, como ti a cagues na mínima cousa, estás morto. Xa non é que non te chamen máis. É o que o vai ver o mundo enteiro. Respondo ben ante a presión, é cando máis apretado estou cando me saen as mellores ideas. Pero é moi fácil bloquearse. Levabamos unha semana preparando todo para empezar a gravar ás 7 da mañá. Primeiro día de gravación, empeza a chover e cambian os plans. A primeira escena dese vídeo é un dolly cara ao trono e van entrando personaxes e saen rótulos contando a experiencia. Iamos ter dúas horas para facer iso e tivemos dez minutos. E non había máis. Tiveron que marchar os técnicos arranxar o de fóra pola chuvia e en dez minutos todo o meu tiña que estar subido no Facebook e no Twitter de HBO. Tiña que saír á primeira. Gravei iso co meu socio, correndo, os actores clavábano todo, son espectaculares, non hai que explicarlles nada. Saíu nunha toma.Tíveno que montar eu mesmo, o responsable de HBO de marketing detrás de min, por riba do meu ombreiro. Colgámolo 3 minutos antes das 12 do mediodía, que era a hora límite, acabei de subilo ás 11:57, non o esquecerei nunca.

Había un trasfondo solidario, de concienciación… como era aquilo de que quen doara sangue tiña prioridade para entrar?

Exactamente. En Xogo de Tronos fixeron unha colaboración coa Cruz Vermella, baseada na idea de que tes que sangrar polo trono, Bleed for the Throne, chamábase. Se doabas sangue ías gozar da experiencia, seguro. Se non doabas sangue, terías que agardar nunha ringleira eterna e, se cadra, non entrabas; os doadores eran prioritarios. Recolléronse litros e litros de sangue e a campaña conseguiu que o nivel de doazóns subise en todo o país, foi un éxito total, algo espectacular para a Cruz Vermella.

Como é traballar con Mercedes ou Coca-Cola, grandes marcas que coidan tanto a súa imaxe?

Esixen, pero ofrecen. Se tes que facer algo en dez minutos e para cumprir ese prazo precisas o triplo de persoal, dancho. Se necesitas cinco cámaras en vez de unha, valas ter. Pero faino ben, faino perfecto. É o que che van pedir. Pasoume o ano pasado gravando promos para Adidas no US Open, con Alexander Zverev e Dominic Thiem… aprendín alí a pronunciar ben o seu nome. Por favor, que ninguén diga mal o seu nome, avisaban, e eu enténdoo porque o meu nome fóra de Galicia dino de mil formas distintas: Bruce, Brian, Briste… (risas). Para estes proxectos de Adidas tiñamos un día de traballo, onde Iris, unha das axencias de publicidade máis importantes do mundo propón unha sesión de fotografía para os novos produtos. Esta xente non vén alí perder o tempo, teñen que adestrar, teñen partido en dous días, deben estar concentrados na competición, non podes entretelos nin un minuto máis do necesario. Era xullo, Noya York, unha calor de morrer, 34 graos cunha humidade do 80%, e tiñamos que estar o día enteiro ao sol para os dez minutos en que debiamos gravar a nosa peza. E se ao deportista non lle caes ben ou non lle gusta como lle falas ou non se sente cómodo porque vai moita calor, levántase aos cinco minutos e ata logo. Aí xa che din os da axencia “que precisas para sacar este story board que me enviaches de non sei cantos planos en dez minutos? O que precises, dámoscho, pero queremos todos estes planos”. Dominic Thiem, de puta madre, falamos do tema dos apelidos e dos nomes mal pronunciados, bo rollo, perfecto… e acabou quedando máis do tempo previsto, estivo media hora dándolle golpes á bóla. Xenial todo. Pero Zverev é un crío de 21 anos, multimillonario, figura mundial, dálle todo igual. Tivémolo sentado ao sol cinco minutos e dixo que quería marchar. O da axencia mirándome, en pánico. Que fixen? No tempo que se levantou e marchou camiñando cara a súa tenda, gravámoslle os pés, o percorrido, os detalles dos movementos, cada xesto, para ter algo de material del, e salvamos a peza de milagre. Houbo un plano que non tiñamos e tardamos dous meses en buscarlle a solución. Ese é o asunto cando se fan cousas a ese nivel.

O Arde Lucus é un fenómeno único a nivel mundial, un claro exemplo de que un núcleo da poboación unido pode facer o que sexa

Mentres fas todas estas cousas mantés o retrovisor enfocando a Galicia. Como se che ocorre estando xa en Estados Unidos facer o documental sobre o Arde Lucus? Ducias de premios internacionais, un éxito de crítica rotundo, pos Lugo no mapa mundial e, aínda por riba, a xente pensando que gastaras un pastizal en extras…

(Risas) En todos os festivais tiña que explicar iso, que non eran extras, que eran milleiros de lucenses e visitantes entregados á causa. Non estaban alí por min, esas persoas xa ían ir dalo todo, só tiven a sorte de poder gravalo. Arde Lucus é un fenómeno que non vin en ningún outro sitio. Que toda unha cidade una forzas para ter todas esas asociacións, planificar esa recreación histórica, co traballo que iso dá. Eu son senador de honra dende que fixen o documental, pásoo xenial con eles e entérome de todo o que van facendo porque estou no chat: poñen diñeiro do seu peto para manter iso vivo, ensaian durante meses esas recreacións que fan durante a festa e son todos amateurs, todos teñen a súa vida e as súas profesións, é un esforzo da xente admirable, participan milleiros de persoas caracterizadas de xeito fiel á época histórica. A xente non o cre cando o ve nos festivais, ao principio sempre pensan que se fai en Roma. Que va, na propia Roma non fan nada nin parecido. Isto faise en Lugo. O Arde Lucus é un fenómeno único a nivel mundial, un claro exemplo de que un núcleo da poboación unido pode facer o que sexa.

Puxeches Arde Lucus a disposición de todo o público de xeito gratuíto, en aberto. Por que tomaches esa decisión?

Cando decidín gravar Arde Lucus estaba graduándome na Escola de Cine de Nova York, onde tiña compañeiros de todo o mundo: un sueco, dous brasileiros, dous taiwaneses, unha chinesa, un ruso… de todos os lados. E todos ían facer un proxecto de ficción, longa, curta, pero todos sen excepción se decantaron pola ficción. Eu tiña varias ideas para unha curta, pero pensei: a min que me motiva de verdade? Expliqueille ao meu titor do máster que había esa posibilidade e que iso era o que me motivaba. El é director de documentais e a idea encantoulle. Sentía que tiña que devolver algo do que fora a miña infancia, a miña familia de alí. Arde Lucus axudoume a coñecer a miña cidade, decateime de que era un ignorante en moitos aspectos, coñecín moita xente e fixen amigos que non tiña hai anos. Quería axudar a poñer Lugo no mapa, que en Estados Unidos non o ubican nunca, a duras penas saben onde está Galicia. Ao principio non tiña aspiracións de gañar ningún premio co documental, eu producira documentais con Piruleta en Madrid, pero este era o primeiro que dirixía. Do circuíto de festivais non tiña nin idea, fun aprendendo sobre a marcha. En lugares como a India arrasou, entrou en todos os festivais, premiáronnos en todos. Alucinaban co Arde Lucus. Unha vez que conseguín chegar a todos estes sitios aínda quería que tivese máis exposición, porque sei que moita xente xa sabe por fin onde está Lugo, os que viñeron aos festivais seguro, xa o presentaba eu, poñía o mapa, dicía que é o lugar onde mellor se come do mundo (risas)… se lle preguntas arestora ao director do festival de Niza por Lugo estou seguro de que che recita todo isto que che acabo de dicir, de tanto que llo repetín. Era o primeiro proxecto documental que dirixía, moita xente das asociacións me preguntaba cando o poderían ver porque houbo unha estrea na praza de Santa María e viuno moita xente pero outra moita non puido. Durante un ano o docu estivo en todos os trens e autobuses, e despois diso, como tampouco tiven ningún achegamento por parte de TVG, se che son sincero, preferín deixalo en aberto para que a xente que sexa de alí o goce, e os que non son de alí o coñezan, porque é o que quero, dar a coñecer Lugo, a súa cultura, a súa gastronomía… foi un xesto de deixalo aí, á disposición de quen queira.

Brais, no Arde Lucus, ataviado como senador de honra

E dar a coñecer as nosas orixes tamén, algo semellante ao que pasou con Lordemani. Galicia somos unha mistura de ducias de tribos que foron pasando por aquí co paso dos séculos, romanos, castrexos ou vikingos… Como chegaches a Catoira?

Cando acabei Ardu Lucus pensei no ben que o pasara facéndoo e inmediatamente me preguntei xustamente iso, como podo seguir contando as orixes de Galicia? Cheguei á Vikinga por unha noticia que anunciaba que se ía celebrar o desembarco un mes despois. Aí mesmo chamei o alcalde e fun a Catoira. Así empezou. Outro xeito de dar a coñecer esa riqueza e mestura cultural que temos, que non a hai en moitos sitios. Temos tantas influencias de tantos pobos distintos que así somos agora de ricos. Con estes documentais sempre empezo por iniciativa propia, ao principio nin busco financiamento. Eu vou, gravo, e despois xa atoparei como pagalo. Co Arde Lucus axudáronme moito os meus compañeiros de Piruleta, traballaron por amor á arte, por apoiarme a min, moi grandes. E en Cinexin coa Vikinga foi o mesmo, Ricardo pasou noites sen durmir para poder presentalo. Teño a sorte de que lles transmito a forza e a paixón ás persoas que me rodean e acaban contaxiándose dos proxectos para conseguir sacalos adiante. Agora xa o fago doutro xeito, intento atraer investimentos de fóra, coma coa Rapa das Bestas de Sabucedo.

Lordemani tamén foi moi premiada e obtivo moitos recoñecementos…

Tivo máis premios ca participacións, porque houbo festivais onde nos deron máis dun galardón. A min todo isto estáme axudando moito para coñecer moito máis a miña terra. Cando gravei Arde Lucus teño que recoñecer que nunca estivera en persoa na festa e eu son lucense, iso é imperdoable. Descoñecía gran parte do pasado histórico romano da cidade. Tampouco coñecía as historias do desembarco vikingo, non coñecía as Torres do Oeste, as bases dunha festa que leva celebrándose máis de 60 anos… cantas festas hai tan antigas? Cando empezas a aprender un pouco máis dos vikingos entéraste por exemplo de que non levaban cornos. En Catoira xa hai quen estuda con máis rigor esa época e xa non os pon, outros van pasalo ben e punto. Un dos representantes de Frederikssund máis importantes, un vikingo de verdade, dos que se ergue coa espada no cinto e se deita coa machada (risas), grande amigo agora, dicía que ao principio cando vía o que facían en Catoira rincháballe un pouco. Pero é tan grande a paixón e o goce que lle poñen a todo isto que ao final non importa. Volve sempre, cada dous anos. Os daneses tamén o gozan moito. Así que rigor histórico si, pero tamén te podes permitir algunha licenza, o caso é que a xente o pase ben e de paso aprenda algo da nosa historia, todo iso é parte de nós. Espero que Arde Lucus se siga celebrando durante séculos, que sexa Festa de Interese Turístico Internacional e que un día veña Christopher Nolan e queira facer unha película de romanos alí en Galicia. Creo que lle faría xustiza ao que somos e a toda esa historia que temos detrás.

Espero que Arde Lucus se siga celebrando durante séculos, que sexa Festa de Interese Turístico Internacional e que un día veña Christopher Nolan e queira facer unha película de romanos alí en Galicia. Creo que lle faría xustiza ao que somos e a toda esa historia que temos detrás

A que xa é Festa de Interese Turístico Internacional é a Rapa das Bestas de Sabucedo, onde levan séculos mantendo esa tradición. Tamén estás preparando un documental sobre este tema. Como te quedaches a primeira vez que entraches no curro?

Alucinei. Lamentablemente, igual ca nos outros casos, tampouco coñecía a festa persoalmente, o único que vira fora nas noticias ou a través dos informativos. Coma co Arde Lucus e coa Vikinga, neste caso tamén descoñecía as motivacións, as orixes, o por que se fai isto e se fai deste xeito, quería saber máis e meterme dentro da historia. Este sería o cuarto ano seguido que a gravo. Cando ves a implicación dos veciños de Sabucedo, que viven polas bestas, viven por eses animais, conmóveste. Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos. As súas vidas xiran ao redor das bestas, se non fose por eles estes animais non existirían. Non existirían. Xa está. Cando entendes o transfondo e as motivacións para que todo isto suceda así a min sérveme como un impulso aínda máis forte: primeiro, para contar a historia do mellor xeito posible, e segundo, para levala fóra e intentar que outra xente tamén a entenda. É unha desas tradicións incomprendidas que hai polo mundo, onde moita xente pode que se quede co superficial e non entendan o que hai detrás de todo iso. Non conciben que hai xente que vive en Madrid e que a fin de semana vai a Sabucedo só para controlar que as bestas estean ben. Ou que se erguen ás tres da mañá porque unha besta se meteu na finca de alguén e hai que ir sacala, que o animal non sae só.

Cando poderemos ver algo?

Xa teño algunha escena preparada, pero isto do coronavirus trastocouno todo. Os prazos movéronse, este ano a miña idea era acabar o guión, agora que xa sei o que quero contar, e gravar as últimas escenas este verán, se finalmente se celebra en agosto, para rematar o relato e montar e estrear en 2021. Dependerá de se se fai e de se se pode viaxar ou non.

Brais e a súa esposa, María Fernanda Ordóñez Morla

A última vez que coincidín contigo foi o 7 de marzo nos Mestre Mateo. Uns días despois estabamos todos confinados. Volviches polos pelos e xa decidiches saír de Nova York enseguida…

De milagre. Uns días despois de vernos estaba en Madrid, onde ía gravar un proxecto a semana seguinte. O último día de localizacións díxenlles aos compañeiros que marchaba porque a cousa estábase poñando moi fea, o mundo enteiro estaba pechando, Madrid ía ter que pechar, España ía ter que pechar e eu non podía quedar aquí coa miña muller soa nos Estados Unidos; pásalle algo e morro. Collo un avión vía Londres e chego xusto antes de que Trump selase as fronteiras. Nada máis chegar xa lle dixen á miña muller “non podemos quedar aquí, hai que marchar correndo”, viñemos a México e aquí quedamos. Estamos nunha zona turística e non hai turistas, non hai ninguén. Temos comida, temos internet para traballar e cando vin que chegaba a pandemia a Nova York, dese xeito tan brutal, nun país onde por menos de nada empezan a disparar nas rúas, como está pasando arestora, xa ves a que hai montada en Minneapolis co asasinato de George Floyd… Foi un momento de tomar decisións moi rápidas, pero creo que acertamos.

A política migratoria nos Estados Unidos cambiou dende que fuches estudar alí en 2010. Como o vives? Será difícil botar do país alguén tan premiado, non?

En tempos de Trump non me quero aventurar (risas). Agora teño sorte porque cos proxectos de HBO, coas publis de Adidas e os premios dos documentais debería ser máis difícil que che neguen o visado, pero a situación complicouse moito. O meu avogado, hai dous anos, só cos premios de Arde Lucus dicía que non tería problemas. Agora, con máis premios coa Vikinga, con curtas, con anuncios, premios con Xogo de Tronos, un Emmy, un León de ouro… e aínda así dime: “a ver, estás ben situado, pero un Oscar non tes?” Pedíame unha norminación aos Oscar para estar seguro!

A experiencia debe de ser aínda máis impactante porque ti viviches a era Obama. É como estar en dous planetas distintos?

Obama era un tipo cabal, competente, disciplinado. Profesional. Regularizou a situación de milleiros de persoas que levaban anos malvivindo nos Estados Unidos. Acabou con inxustizas históricas que sufrian moitos habitantes do país. E, de súpeto, chega este personaxe que temos agora e ves que se lles empeza a dar voz a comportamentos racistas, misóxinos, estraños, que antes se cortaban de raíz, directamente. Decátome cando penso dúas veces se falar en español no metro porque alguén me pode empezar a increpar. E non sabes quen vai armado nese país, calquera che saca unha arma e adeus. Estáse vendo a que se está montando estes días tras o de Minneapolis. Xusto de todo isto do que estamos falando cos documentais, querer amosar a túa cultura, a túa lingua, o teu pasado polo mundo, para moita xente agora non está ben visto. Se falas español ou portugués ou galego ou ata sueco, a calquera se lle cruza o cable e xa tes un problema. Así de crispado está todo.

Seareiro do Deportivo e o Lugo, Brais segue xogando ao fútbol en Nova York

Brais Revaldería e Ignacio Linares, na Praza do Obradoiro

Isto non pasou dun día para outro, foise vendo unha evolución no ton, no uso de redes sociais para esparexer mensaxes que alimentan o odio, por parte do propio presidente. Non se vía vir?

Está incitando á violencia e ten unha base que é coma un culto. El mesmo dixo antes das eleccións que se podía poñer a pegarlle tiros a alguén na 5ª Avenida e a xente seguiríao votando. E o peor é que é certo: hai persoas que xustificarían que Donald Trump fixese iso. Cando chegas a un nivel de extremismo tan alto, ten claro que xa perdiches unha xeración enteira, que non vai recuar, non vai dar marcha atrás nas súas convicións, a non ser que lle pase algo moi grave na súa vida cun familiar moi cercano. Van morrer así, de aquí á tumba van seguir pensando o mesmo. E non é só nos Estados Unidos, en moitos países estáse espertando ese odio, ese sentimento de atacar o descoñecido, o diferente. En España, co confinamento, lin moitas cousas que me pareceron moi tristes, moitos ataques entre familias, entre amigos, que están pelexando por outros aos que ti non lles importas un carallo. Fan demagoxia en redes sociais, contan unha mentira trinta veces e fan que os creas, pero segue sendo mentira. E hai xente que dá a cara por eses argumentos sen pensalo. Como di o dito: é máis doado enganar a alguén ca convencelo de que o enganaron. En moitos casos isto é o que pasa. En España a democracia é nova, aínda estamos medrando niso, agora pódenselle poñer nomes e apelidos á estrema esquerda e á estrema dereita, ata hai pouco todos dicían que estaban no centro, todos apretados, non sei nin como collían. Está ben que haxa diversidade e que cada un estea no seu sitio, pero esas mensaxes de incitación ao odio póñenme moi triste. Que Patxi López teña que saír nunha comisión do Congreso para dicir “señores, aquí estamos a outra cousa, estamos para servir a xente” xa dá unha idea de onde estamos. É terrible que se viva a política coma un seareiro de fútbol, que se pode alegrar de que lle rompan a perna a un xogador rival. Cando o que realmente pasa é que se lle rompen a perna a un xogador rival perdemos todos. Hai quen non entende iso. Esa filosofía futbolística de eu son desta cor e fagan o que fagan vou seguir sendo desta cor, sen cuestionar nada, iso non nos leva a nada. A min que falen de privatizar a sanidade, vivindo como vivo nos Estados Unidos… Unha vez tiven unha pedra nun ril, cunha dor de querer morrer, que din que é coma un parto…

En canto a sanidade, Estados Unidos é o fracaso máis grande de todo o planeta

Confírmocho eu, que pasei polas dúas cousas…

Pois xa sabes do que falo!! (risas) A miña muller case non me dá levado ao hospital, eu non podía nin camiñar. Despois de varias horas agardando con esa dor insoportable fixéronme unhas probas e déronme unha medicación para relaxarme. Nada máis. Canto cres que me cobraron? Recibín unha factura de 6.000 dólares. En canto a sanidade, Estados Unidos é o fracaso máis grande de todo o planeta. É o país máis rico e o que máis problemas ten por ese tema. Dinche “temos a mellor sanidade do mundo”. Non. Aquí pode que haxa moi bos médicos, dos mellores. Pero só para millonarios. Se só un 1% da poboación ten acceso a ela, xa non é a mellor sanidade. Eu tiven discusións con americanos, dicíndolles como funciona en España, e non te cren, Están contaminados de fake news, dinche que iso é porque se paga o 90% do teu salario en impostos e saen con discursos moi repetidos polos voceiros de Trump, que falan moi alto e moi rápido para non deixar falar os demais; repiten mentiras ata que colan e non te cren a ti, que es europeo e sabes do que falas! Cando Trump sae a unha rolda de prensa a sensación é de que está improvisando, de que lle acaban de contar o que ten que dicir hai cinco minutos, de aí o desinfectante intravenoso, a luz de non sei que… no fondo, a el impórtalle un carallo que siga morrendo xente. Non lle importa nada. O único que quere é volver gañar as eleccións. Como sexa. Que a xente siga morrendo non lle importa, el vai seguir dicindo que non pasa nada, que o fixo todo fenomenal, que puideron morrer dous millóns de persoas en vez de 200.000, e o problema é que hai moita xente que o cre. E como cambias a mentalidade de todas esas persoas?

Vai volver gañar as eleccións?

Ufff… nestes momentos creo que non, pero non se pode estar seguro. Creo que os demócratas volveron subestimar un pouco o rival. En 2016 dicían que era imposible que este personaxe lle gañase as eleccións a Hillary Clinton, pensaban: como este tipo vai derrotar unha señora que sabe falar en público, polo menos? E gañou. Con Joe Biden volven facer o mesmo, unha opción conservadora que se sabe expresar, vicepresidente con Obama… imos ver. O problema é que Trump está apretando moito en redes sociais, desacreditando todos os medios de comunicación, estendendo bulos todos os días, quere cargarse toda voz discrepante, directamente, calquera que lle faga unha verificación e o desminta vai a por el, ataca calquera fonte de información fiable que poida ter a xente. Agora quere prohibir o voto por correo, unha ferramenta que coa COVID usarán sobre todo votantes maiores de 50 anos, o maior nicho demócrata segundo as enquisas. En moitos estados estáselle dando a volta á tortilla de republicano a demócrata, se se mantén o voto por correo creo que pode perder as eleccións. Pero como consiga prohibilo, ou restrinxilo, ou o que se invente, tería posibilidades de vitoria. Hai xente que non vai votar se a obrigan a saír da casa, hai moita poboación de risco que votaría a Joe Biden e que quedaría na casa por non expoñerse.

En que cres que están pensando os menores de 50 anos para comprar este discurso?

A América profunda é moi complicada. Eu teño atopado cada cousa… de ir a Alabama a un festival, onde vai xente de todo o mundo e tamén das vilas do redor, e un deses homes díxome “como é que es español e non es negro?” Tiven que explicarlle: mira, non me importaría ser negro, non pasaría nada se houbese máis negros en España, pero a maioría somos brancos. Eu que sei de onde sacou esa idea. Eu vivo en Nova York e iso non é Estados Unidos. O 80% da xente coa que me relaciono a diario son doutros países, americanos e neoiorquinos coñezo moi pouquiños. Hai xente con certa educación, con curiosidade, con inquedanzas por estar informada, e hai outra que nada que ver. Teño un amigo, un compañeiro da escola, que está dando clase en Albuquerque, en Novo México, e está deseseperado. Un home con auténtica vocación docente e quere deixar a profesión e volver a Madrid a ser repoñedor. Desesperado porque di que non pode facer o seu traballo, que os nenos non é que non escoiten, é que non queren aprender. E as súas familias apóianos.

Entre os teus próximos plans está un proxecto con Christian Colorado, un deseñador de moda colombiano que está rompendo moldes, que pon Bosa no mundo, que se refixo a si mesmo despois dunha historia tremenda e que está xerando outro tipo de mentalidade nos Estados Unidos que contrarresta toda esa ignorancia da que me falas…

É incrible, Christian ten unha historia espectacular. Eu son moito de seguir os sinais, de cando algo vén cara a ti é por algo, se se aliñan os planetas non o podes ignorar. Cando empezo un documental é porque algo pasou que me fixo irresistible continuar coa historia. Neste caso tamén me pasou así. O meu socio americano e máis eu estabamos buscando contar a historia dun deseñador emerxente latinoamericano por outro proxecto completamente distinto, un libro dun influencer. No medio deste proceso, a miña muller atopa en Instagram unha noticia sobre Christian Colorado, onde non contaban apenas nada e aínda así xa me pareceu interesante. Ela púxose a indagar porque é aínda máis apaixonada ca min, se eu empuxo ela empuxa o triplo, ao seu lado eu multiplícome por mil, e resulta que a socia de Christian, Natalia Ochoa ten amigos en común coa miña muller en Bogotá. Ponse en contacto con ela e dille que Christian vai viaxar a Nova York en dous días. Demasiadas casualidades para non seguilas. Era a primeira vez que Christian viña a Estados Unidos, primeira vez que desfila na Fashion Week. Coñecémonos, falamos con el, gravamos aquel primeiro desfile, un desfile que case non dá nin pagado. Así empezamos a contar a súa historia. O proxecto do influencer polo que empezamos non saíu adiante, pero nós seguimos igual, porque este rapaz e a súa historia son moito máis grandes por si sós.

Todo empeza cunha infancia moi difícil, non?

Con catro anos a súa nai abandónaos, el e máis os irmáns quedan sós porque seu pai tampouco estaba. Sobreviven así durante días, cos veciños dándolles de comer. Por fin o pai aparece e faise cargo deles, pero o neno xa tiña unhas inquedanzas artísticas moi marcadas, xa xogaba a facerlles vestidiños ás bonecas das súas irmás e ao seu pai, un home da Colombia de hai 20 anos, todo iso non lle gustaba nada. Tiveron unha relación moi difícil, chocaban moito, era un ambiente moi hostil para toda a comunidade LGTBI. Aos once anos Christian marcha da casa buscando a nai. Acaba vivindo na rúa porque non a atopa, vive do que lle dan, acaba cunha dependencia do alcol importante, non ten para comer, toca fondos moi profundos e decide meterse no exército colombiano só para ter un teito baixo o que durmir e polo menos unha comida ao día. Nese momento visítao unha tía súa, que é monxa, que é quen lle di que ten unha vocación, un talento que ten que potenciar e anímao a estudar na escola técnica a aprender a coser e pouco máis, non era unha Escola de Deseño como tal. Despois diso chegan as redes sociais, que son o seu anxo da garda, as cousas que lle pasaron a el por Instagram non lle pasan a ninguén, é a súa fada madriña da Cincenta moderna. Acabado de graduar colga en Instagram a súa primeira colección e contáctao Maluma para dicirlle que quere unha das súas chaquetas para un concerto. Aí empezan a chegar influencers, modelos e desfiles de moda. Nun ano converteuse nunha das figuras máis recoñecidas do seu país, con cinco desfiles na Fashion Week de Nova York, na Mercedes Benz do Salvador, na Miami Fashion Week compartiu pasarela con Custo Barcelona. A súa é unha historia de empoderamento, onde partes da poboación máis vulnerables ás veces tamén conseguen un soño.

Sabes xa como se vai chamar ese traballo?

Christian ten a súa propia marca, que é Christian Colorado, e despois ten outra que se chama The Bosa York Dream, na que está asociado con Natalia Ochoa. O documental chamarase The Bosa York Dream, tiña que ser. Aí está resumida a súa historia. Con Natalia o que fai, por exemplo, é axudar os estudantes de Bosa que gañaron un concurso de tecnoloxía, pero non teñen cartos para mercar ordenadores, e seguir investigando para pasar ao seguinte nivel e seguir competindo na seguinte fase. Ben, eles mércanlles os equipos que precisan. Van a zonas vulnerables de Colombia contando a historia de Christian para empoderar a xente, darlles ferramentas á hora de saír estudar fóra, crearon un movemento que se foi facendo cada vez máis grande e que agora é o protagonista do documental. Tiña que darlle ese título.

Christian fai un pouco coma ti con Lugo: colleu a idea de grandes marcas que se distinguen pola súa internacionalidade e imprimen pezas de roupa co “Milán, Tokyo, París…” e el remedou esas camisetas pero co seu lema: “Nova York, París, Bosa”, conseguiu que moita xente de Bosa estea orgullosa de ser de alí…

O seu primeiro desfile financiouno integramente vendendo esas camisetas. E en dúas semanas, non creas que estivo un ano intentándoo. Non tiña diñeiro nin para o seu billete de avión e, grazas a esas camisetas, acabou pagando todo, desfile incluído. Alucinante. Milagre tras milagre. Eu xa lle digo, se non consegues triunfar como deseñador será porque a cagas ti, porque estás tendo todo de cara.

Cando se estrea?

Temos dúas metas: unha é o desfile de París, para pechar o círculo da camiseta, e o desfile en Bosa, que será espectacular. Esa é unha parte, ter desfiles nas tres cidades. A outra meta que temos é ese momento en que Christian Colorado rompe esa barreira de deseñador de pasarela e empeza a distribuír a nivel internacional, que xa empezou con ese camiño. Aí é onde remataremos a historia, para acabar con Christian co seu príncipe e o seu foron felices e comeron perdices. Non é a marca, é a historia que hai detrás da roupa que estás utilizando.

Máis proxectos: un documental sobre unha zona conflitiva entre Kenia e Etiopía, outro sobre deportados entre México e Estados Unidos e unha longa sobre drag queens para acabar co estereotipo de machito latino. Cóntame iso, por favor…

(Risas) Si, ese é un proxecto co meu outro socio de Nova York, Daniel, que me propón esta historia con Aarón Díaz, unha figura da interpretación mexicana, tipazo, un actor encasillado en macho alfa latino das telenovelas. Queriamos facer algo con el, pensamos nunha curta, e por aí saíu a historia do drag queen, iso si que rompe con todo, mandamos todo á merda, derrubamos todas esas barreiras, que mellor maneira que cargarnos ese estereotipo de machito latino de telenovela ca poñelo de drag queen? Xa temos varios borradores do guión, temos un investidor en Miami que nos apoia, e imos avanzando no proceso de preprodución que cada día nos gusta máis. Tamén houbo un proceso de investigación e documentación moi interesante. O bo de Nova York é que tes moito de todo. Queres drag queens? Todas as que queiras. Houbo unha época de ir co guionista de show en show para falar con todo o mundo ata as cinco da mañá, faste o seu mellor amigo, e as fins de semana vas á súa casa. Daniel ten xa un coñecemento do mundo drag espectacular (risas). E Aarón, o actor, encantado, feliz, desexando que empecemos a rodar.

Brais, somos tribo?

Somos, somos. En Galicia si. É algo que temos que non teñen noutros lados, sabemos de onde vimos, estamos orgullosos, celebrámolo, aceptámolo e estamos en paz coas nosas orixes, sen conflitos. Somos tribo en Galicia, unha tribo moi bonita. En España, en xeral non tanto. De momento confórmome con que na terriña si sexamos tribo.

BRAIS REVALDERÍA, en poucas palabras

  • Con quen che gustaría ir de cañas ou saír de copas? Con Jon Snow antes da última tempada de Xogo de Tronos, para dicirlle “non podes ter a tía, o dragón e os reinos, renuncia a algo xa porque vas levar unha hostia que non vexas”. Se tomase esa caña con el, se cadra aforrabamos ese último episodio. Tiña que mandar á merda a Daenerys antes.
  • Unha data especial para ti. Teño varias. O 9 de agosto de 2010, día que operei o xeonllo por primeira vez e decidín que marchaba aos Estados Unidos. O 12 de agosto de 2017, o día da miña voda en Colombia, veu a Cartaxena de Indias a miña familia de Galicia, de Madrid, nunca na miña vida o pasei tan ben, xuntouse alí todo o mundo que quero, amigos da infancia, de Galicia, xente que se cadra non fora nunca a Latinoamérica e non o podían crer. Cartaxena ten unha muralla coma Lugo e aínda que sexan de momentos históricos distintos podes identificarte con moitas cousas. Noutro mes de agosto, o de 2018, hai outra data que me marcou, cando operaron a miña nai a vida ou morte.
  • A túa comida e bebida preferidas. Tortilla de Betanzos, churrasco, raxo do Burgo e licor café (risas). Podería dicir tamén a michelada; paso moito tempo en México e non me estraña que a súa gastronomía sexa patrimonio da humanidade.
  • A túa película preferida. El club de la lucha, marcoume por ese traballo psicolóxico que fai David Fincher cos personaxes; dáche a cabeza mil voltas e non te decataches en dúas horas. Desas películas que ves unha e outra vez e segues descubrindo detalles que non viches. Hai directores que me encantan na Arxentina, como Campanella. Vin a súa obra de teatro a última vez que estiven en Madrid, dous señores maiores que se xuntan todos os días no banco dun parque, un cun perfil comunista e o outro no outro estremo. Empézanse tirando paus á cabeza e acaban empatizando por todo o que está pasando ao redor deles. Ao final, somos persoas. Moi boa obra, moi interesante; Campanella usa moi ben as emocións. Admiro moitos directores galegos, Ignacio Vilar por exemplo, Lois Patiño…
  • Unha serie. The Outsider, de HBO.
  • O libro que les ou un libro que te marcou. O que estou lendo é un pouco aburrido, se che digo a verdade, é sobre dirección de actores. Recoméndoche dous de Pablo Núñez, lucense, Juego de Reinas e Las hijas del César, espectaculares… empoderamento da muller a morte en calquera dos dous. E un libro que me marcase, La Historiadora, por exemplo, de Elizabeth Kostova. Encántanme as historias de vampiros, do mundo escuro, é un seguimento polos lugares que marcaron a vida de Drácula.
  • Unha canción. A marcha do entrelazado de Allariz.
  • Un grupo ou un/unha cantante. Andrés Suárez.
  • Se non foses director e produtor serías… Eu quería ser futbolista. De adolescente xoguei en varios equipos, cheguei a probar co Atlético de Madrid, pero non me gustou. Decateime de que non era o que quería facer. O fútbol para pasalo ben cos amigos si, pero para dedicarme a el profesionalmente, non. E iso que aí xa che empezan a pagar diñeiro por darlle a un balón… pero prefiro facer outra cousa. Agora vou coa cámara, aquí hai unha comunidade de indíxenas aos que o coronavirus lles vai afectar de maneira dsitinta aos demais. Non se van contaxiar porque están illados, pero ese illamento fai que non teñan acceso a subministros, repartimentos, comida, produtos… eu escoito iso e digo “teño que gravar iso, teño que contar iso”, e se lle teño que quitar horas ao sono, á comida, ao que sexa, fágoo con gusto. O do fútbol non me provocaba iso en absoluto, quero xogar cos meus amigos, pero se teño que adestrar todos os días e xogar todas as fins de semana… Sinceramente, non creo que o pases ben xogando ao fútbol profesional. Pasaráo ben Messi, que regatea todo o equipo contrario, pero o que ten que xogar para darlle o balón a Messi seguro que non o pasa tan ben. Se mañá me dixeran que acaba o mundo, non tería problema en vivir do campo, iría limpar merda de vaca como dícía Avelino Souto na vosa entrevista, facíao co meu avó e pasábao xenial; tamén o volvería facer agora.
  • Un recuncho de Galicia para perderte. Hai moitos incribles: a Ribeira Sacra, a costa lucense, A Coruña en xeral, Santo André de Teixido, cos seus cantís espectaculares… pero diría Lugo, porque ao final é o que fago, ir a Corvelle a estar no medio do monte, é o mellor sitio do mundo, non hai nada igual.

  • A túa persoa favorita? Non podo escoller unha, así que digo seis: a miña nai porque nos criou a min e o meu irmán, apoiounos en todo sempre, cun sorriso. É unha rocha, superou todas as adversidades que atopou no camiño e iso téñoo por ela, estou moi agradecido. O meu pai porque sempre foi o apoio máis grande que tiven, foi quen me dixo “marcha aos Estados Unidos” porque sabía que tiña esa carga do seu apelido, sempre me animou e me apoiou. Aínda teño a sorte de ter dous avós vivos, con máis de 90 anos. O meu avó por parte de pai inculcoume o amor polo campo, segue plantando a súa horta, engana a miña tía, dille que vai por un saco de patacas, merca 50 e plántaos todos. Encantaríame ser así aos 92 anos, admirable. E a miña avoa por parte de nai é dura coma unha rocha. Dende hai 20 anos, cada vez que a vou ver dime “xa non sei se te verei máis”, pero aí segue a tía, sae camiñar, e no medio do confinamento a súa ansia era cando podería ir á perruquería. Tamén teño que dicir a miña muller. Levamos xa case nove anos xuntos e dende que a coñecín o meu potencial, a miña enerxía, os meus valores multiplicáronse por cen. Aí dei o meu gran salto. Antes estaba facendo cousas boas, pero ela é a que me empuxa a ser mellor, non me deixa relaxarme. Teño moita sorte, hai moita xente que ten ao carón persoas que lle restan. A última persoa é o meu irmán Hadrian porque vino medrar, pasar por cada etapa en que pensaba a ver como nos vai saír este, pero admíroo moito, é razoable, cabal, centrado, ten claro o que quere facer, cousa que non pasa moi a miúdo na súa xeración, busca crecer, busca alternativas. Estou tranquilo ao saber que arestora el está preto da miña nai.
  • De que persoeiro famoso es moi fan? De Jon Sistiaga. O seu traballo marcoume moito, é un gran profesional e amigo da familia dende hai moitos anos. Meteuse en todas as zonas de conflito do mundo, sempre saca un material impresionante.
  • Unha viaxe por facer. Teño ganas de coñecer o Brasil
  • Que ou a quen levarías a unha illa deserta? Iría coa miña muller… creo que acabaría discutindo moito, pero se non digo a miña muller, vaime matar e tamén vou ter lío, acabaríamos discutindo igual. Digo a miña muller, veña. E un obxecto? Que podo levar para que non pelexemos tanto… preguntaríalle a ela que hai que levar (risas).
  • A túa peor manía. Son un pouco obsesivo compulsivo. Teño todas as cousas aliñadas na casa, na oficina, e hai xente que non o entende. Chegan á miña casa, moven algo un milímetro e eu volvo poñelo onde estaba, pode pasar un mes e sei se alguén moveu un bolígrafo.
  • Se arde a túa casa, sen contar as persoas, que salvarías? Os discos duros, aí está toda a miña vida, levaría o material e o resto que arda.
  • Un vicio. Contar historias, os documentais, é un problema porque podes gravar todos os días, pero se non pos un pouco de filtro perdes a perspectiva das cousas, perde relevancia o que fas. Agora pásame menos, pero antes era un proxecto diario.
  • Un pecado/delicto confesable. Os meus pais nin o saben: deixei de fumar aos 12 anos (risas). Os meus bisavós tiñan unha tendiña en Laxosa, a miña avoa sabía que eu sempre collía algún chicle ou algún doce, e un día xuntámonos os da pandilla a ver como era iso de fumar. Collín tabaco na tenda, o primeiro e último cigarro da miña vida.
  • Un soño ou pesadelo recorrente. Os pesadelos non me perseguen moito… vou dicir un soño, algo que falo moito coa miña muller: poder vivir medio ano en Galicia e medio ano en Estados Unidos. Iso sería a bomba.
  • Un arrepentimento. Non son moito de arrepentirme, porque sempre que quixen facer algo, lanceime. Sempre hai cousas que podes facer antes… puiden marchar antes aos Estados Unidos? Si. Sería mellor? Non o sei. Hai que intentar mellorar a situación actual sen mirar moito cara a atrás.
  • Un sentimento. A morriña. Lévoa enriba dende os nove anos, dende que marchei de Galicia.
  • Unha palabra en galego… Gústanme os nomes galegos: Antía, Uxía, Uxío… encántanme os nomes en galego, estoullo vendendo á miña muller. Se temos un neno non me deixa poñerlle Brais, pero gustaríame que os meus fillos tivesen nomes galegos.
  • Praia ou montaña. Metade e metade, dependendo do momento do ano.
  • Un lugar para vivir. Galicia en xeral.
  • Un desexo. No momento en que estamos, xa non só que consigamos unha solución para o virus porque se non isto vai ser un desastre. Tamén espero que isto lle sirva a moita xente para aprender da situación, que non existe o modelo perfecto de país, de economía, de sistema sanitario, que hai cousas que mellorar en todos os lados e que merecemos mellores políticos cós que temos.

Reflexións de BRAIS REVALDERÍA sobre…

Feminismo

Creo que é necesario. Ao final, para que haxa cambios hai que empuxar. A realidade é que as mulleres non tiveron os dereitos que tiveron os homes, laboralmente e noutros eidos sempre estiveron en desvantaxe. Hai quen polariza, quen ataca os movementos feministas de maneira que non comparto, pero si creo que chegará un momento en que as cousas se entenderán como normais, espero que chegue axiña ese momento en que os dereitos de homes e mulleres sexan iguais e non ter que escoitar cousas como que o feminismo é o contrario do machismo e parvadas así.

Inmigración

Eu como inmigrante noutro país, que che vou dicir? Creo que é necesaria. A mestura de culturas, de razas e de linguas é moi enriquecedora. Inmigración controlada, non podes abrir as portas e que despois a xente non poida vivir e teña que estar en condicóns insustentables. A inmigración paréceme especialmente necesaria para toda esa xente que non entende como se vive noutros sitios, nin de onde veñen outras culturas, nin por que hai xente que se expresa deste xeito, por que fai as cousas de determinada maneira, é unha ferramenta para abrir mentes obtusas. E, por outra parte, se cadra, sen inmigración non volvemos gañar outro mundial de fútbol! (risas). Eu son do Dépor e do Lugo. E respecto o Celta. Entendo a rivalidade, pero o Dépor- Celta ten que ser unha celebración para todos os galegos, é o máis grande que hai no mundo, nin Madrid-Atlético nin nada. Competición si, sen violencia e sumando. E na inmigración o mesmo. Estou casado cunha colombiana. O primeiro colombiano que coñecín foi aos 16 anos. Imaxina que descoñecemento, que ignorancia sobre unha cultura tan cercana. Non pode ser.

Política / Políticos

É unha lástima o que está pasando en España, insultos, o de Trump en Estados Unidos, estaría ben poder resetealo todo e que os políticos empecen a facer o seu traballo: facer política por e para a xente. Todos temos o mesmo sentimento de que nos están contando algo para chegar ao poder e despois facer o que lles dea a gana. Vese vir ás leguas. Aínda hai sitios onde son honestos e fan ben o seu traballo. Mira por exemplo Nova Zelandia, unha muller á fronte, que está facendo un traballo magnífico. Dinamarca, outra muller, por certo. Non debe ser casualidade. Estaría ben que empezaran a deixarse de gilipolleces e perder o tempo insultándose e se puxeran a cumprir coa súa misión, para a que foron elixidos.

Monarquía

No seu momento supoño que tiveron a súa función. Creo que é un pouco como as emendas dos norteamericanos. Seguramente a 2ª emenda, que che permite ter armas, era necesaria no salvaxe Oeste, porque non sabías quen podía chegar e meterche catro tiros. Pero agora é necesaria? Os milleiros de vítimas mortais que teñen cada ano por arma de fogo demostran que non. A monarquía non sei se agora é necesaria, se serve para algo que realmente nos vaia beneficiar a todos. Pero aí seguen. Creo que nalgún momento haberá un diálogo sobre canto son de útiles esas persoas aí. Hai unha princesa e unha infanta, a ver que pasa cando lles toque a elas. Fíxate que sempre asocio a chegada do sentido común coa chegada das mulleres a postos de decisión. A ver que deciden elas, se cadra sorpréndennos a todos.

Cambio climático

Creo que o coronavirus é un caso claro de que a natureza nos está a dicir que se seguimos dando por saco imos ir a peor. Non hai máis. Que saia un virus da nada que mate xente por todo o planeta tamén é resultado de como estamos facendo as cousas. Ata este momento non nos importaba porque non nos afectaba ata o punto de quedar na casa, de quedar sen traballo. Moita xente empeza agora a darse conta. Segue habendo negacionistas como Trump, que di que todo é unha invención. Canto máis tardemos en reaccionar, máis grave será o dano e máis difícil recuperarse del.

Aborto

En primeiro lugar, eu non son muller e non me parece ben falar de algo que non vou experimentar. Cada muller debe poder decidir sobre o seu propio corpo, deben ser elas as que pensen que facer con elas mesmas.

Eutanasia

O mesmo. Non creo que ningún ente externo deba dicirlle a ninguén o que ten que facer coa súa propia vida. Non sabes o que pode estar sufrindo unha persoa que quizais non ten máis aspiración ca estar conectado a unha máquina para respirar e manterse vivo, o que estará pasando pola súa cabeza. Non creo que eu teña ningunha potestade para decidir nada disto sobre a vida dos demais.

Redes sociais

Parte boa e parte mala. A boa, todo mundo ten acceso a todo, podes aprender cousas de todos os lugares do mundo. Sitios dos que non sabías nada nin tiñas xeito de saber, a non ser que houbese alí unha catástrofe e saíse nos informativos. Que sabías de Okinawa? Que Miyagi viña de alí e nada máis. Agora podes entrar en Facebook e ver mil fotos da cidade e mesmo facerte amigo de alguén de alí. Por outra banda, a negativa, a moita xente a vida fíxoselle máis difícil precisamente por ese coñecemento. Todo o mundo quere ter o que ve que teñen os demais e senten que non se poden sentir realizados ao non alcanzalo.

Etiquetas Arde LucusCABN CollectiveChristian ColoradoCinexin StudiosCoca ColaHBOLordemaniMercedesNova YorkPopsicleRapa das Bestas de Sabucedo

Entrevistas Relacionadas

Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”
Economía-Empresas

Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

por Xabier Colmeiro
25/06/2020
0

O móbil de Cristina Codesido Fernández (Padrón, 1974) protesta pola paréntese que abre na súa febril actividade para responder ás preguntas de somostribo. A xerente...

Ler máis
Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

12/05/2020
Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

11/05/2020

Copyright © 2020 wecom

No Result
View All Result
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
  • deporte
  • economía-Empresas
  • contacto

© 2023 JNews - Premium WordPress news & magazine theme by Jegtheme.