somostribo
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    Ramón Vilar: “O dos libros é coma o dos fillos: co primeiro estás aí pendente toda a noite a ver se respira e co segundo xa adormeces pensando que mal será”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

  • deporte
    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

  • economía-Empresas
    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

  • contacto

No Result
View All Result

Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

"O final da miña carreira está máis próximo, como é normal, e non pensas todo o tempo niso, pero cada vez quedan menos tempadas en activo. Agora desfruto moito máis do que me dá o fútbol e, saber que vai chegar a retirada, vaite preparando e preocúpaste por formarte para outros temas. É o que fago diariamente"

por Xabier Colmeiro
14/04/2020
A A
Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

Foto: Utah Royals

Comparte en FacebookComparte en TwitterComparte por WhatsApp

Verónica Boquete Giadáns (Santiago de Compostela, 9 de abril de 1987) é unha fóra de serie. O crecemento do fútbol feminino en España débelle moito á figura desta pioneira en superar barreiras e abrir horizontes. A filla de Nicasio Boquete, un artesán do fútbol formativo do que herdou a vocación, naceu loitadora. Eses xenes futbolísticos acabaron por derrubar a normativa federativa que ata hai pouco tempo impedía que unha nena xogase nun equipo de nenos. O carisma non se dispensa en farmacias. Vero deu os primeiros pasos no Don Bosco, no Belvís e no Xuventude de Aguiño, onde se catapultou ata as seleccións galega e española e ao fútbol profesional. Foron os puntos de partida que a levarían ao Zaragoza, Espanyol, Buffalo Flash, Chicago Red Stars, Philadelphia Independence, Energiya Voronezh, Tyresso, Portland Thorns, Frankfurt, Bayern de Múnich, Paris Saint-Germain, Beijing BG Phoenix e, na actualidade, os Utah Royals. É xogadora universal, con gol, das que rompen coordenadas no campo e no mapa e das que toman a palabra con e sen balón. Vero Boquete foi a primeira española en ganar unha Champions e en ser candidata ao Balón de Ouro. Foi a capitana da primeira Selección Española que xogou un Campionato do Mundo, conquistou ligas e copas e resultou elixida mellor xogadora da competición norteamericana, a meca do fútbol feminino, en 2011. Ten a Medalla Castelao e a de bronce da Real Orde ao Mérito Deportivo. Tamén é embaixadora da FIFA, dá exemplo de compromiso social e non morde a lingua cando lle piden opinión porque considera un luxo a liberdade de expresión. O luxo é noso.

Vero, como estades de saúde ti e os teus?

Por agora toda a familia está ben. E aquí igual, pero a quilómetros.

Contas os días que levas pechada?

Máis que os días, vou contando as semanas. Xa levamos un mes, máis ou menos igual ca en España. Aquí hai menos restricións, porque se queres saír non é que estea prohibido, pero cada vez está máis restrinxido.

Tes algunha data sinalada para o final do confinamento?

O que sabemos por parte da Liga é que, en principio, o 11 de maio empezariamos a adestrar e que, se se pode ir facendo algo por grupos antes, se vaia facendo. E a mediados de xuño comezaría a xogarse.

Porque fútbol vai haber…  

De todas as competicións, a nosa é a que máis doado o ten porque estaba previsto que comezara en abril. A liga masculina xa empezara aquí e as europeas teñen outro formato. O noso sería o máis sinxelo de axustar e todo o que se escoita é que a tempada segue en pé.

Foto: Utah Royals

Como é a Verónica Boquete confinada?

Estoume centrando en facer cousas que non facía cando non estabamos nesta situación e comezando con outras rutinas. Fago algo de meditación e de ioga e, nada máis levantarme, antes de conectar o teléfono, leo 30 ou 45 minutos. Aproveito o tempo para ler bastante, formarme sobre o que me gusta, ver fútbol e escribir. Non tiven tempo de aburrirme moito.

Parácheste a imaxinar como será o mundo que vén?

Hai tempo para pensar de todo. Cando se volva adestrar, por moito control que leves, sempre haberá un risco de coller o virus e pasarllo ao resto. Tamén a gran escala, cos outros equipos. As viaxes en Estados Unidos son moi longas e será complicado. Haberá que seguir as pautas que se cumpran noutros países, porque aquí imos como 10 días por detrás e irase vendo o que se poida facer. Que o mundo non será como era antes? Espero que, pasado un tempo, consigamos esa normalidade, aínda que en moitos aspectos non estaría mal cambiar ese mundo no que viviamos.

Como profesional do deporte, preocupáche agora mesmo máis o plano físico ou o psicolóxico?

Son unha persoa positiva, pero tamén realista. A preocupación está aí, a incerteza do tempo que vivimos e do que vai vir esta aí, pero o único que podemos facer é estar na casa. Dentro do controlable, é o mellor. Como deportista, creo que o psicolóxico preocupa máis. Estamos facendo un traballo físico que non é o mesmo que adestrar no campo, pero vas manténdote e, cando isto pase, nunhas semanas colleremos a forma. Iso non é preocupación, mentres que no psicolóxico haberá que ver como afecta levar esta situación, porque non é doada.

Será a túa décimo sexta temporada como profesional. Que expectativas tiñas ou tes?

Sigo tendo as mesmas, as de ser un equipo que poida competir polo título e mellorar a tempada pasada, tanto no colectivo como no individual. En liñas xerais, o ano pasado foi bo no persoal, pero non acadamos os obxectivos como equipo e este ano queremos mellorar nos dous planos.

De nena chegaches a soñar coas metas que acadaches ou non tiñas ilusións tan ambiciosas?

Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción, polo que fun cumprindo soños de adolescencia. Con 15 ou 16 anos tiña máis información, souben que nalgúns países dábase a opción de ser profesional e fun marcando obxectivos e cumprindo todos os retos. E niso continúo.

A quen lle hai que agradecer máis na túa casa que foras futbolista, ao pai, á nai ou ao irmán?

A todos por igual. A meu pai porque, se lle gustara a pesca ou o baloncesto, tanto meu irmán coma min sairiamos a iso. É o gran culpable. E a meu irmán porque eu quería ser coma el, facer o mesmo que facía el e entre os dous metéronme o bicho. E tamén foi moi importante o apoio incondicional de miña nai, que como muller tivo unha parte fundamental.

Meu pai marcoume moito. Nunca foi o meu adestrador, pero na casa sempre me acordo que nos dicía que tiñamos que facer cousas coas dúas pernas, coa esquerda e a dereita, que se non, non valía

Que consellos paternos nunca esqueciches?

Meu pai marcoume moito. Nunca foi o meu adestrador, pero na casa sempre me acordo que nos dicía que tiñamos que facer as cousas coas dúas pernas, coa esquerda e a dereita, que se non, non valía. Tamén nos insistía no de xogar en todas as posicións, porque me faría mellor xogadora. E sempre me dicía que había que dar máis do cen por cen porque iso querería dicir que ninguén me podería reprochar nada.

Xogaches en equipos de España, Estados Unidos, Suecia, Rusia, Alemaña, Francia e China. Es de mal acougo (risas)?

Sempre dixen que as razóns polas que me movín tanto eran dúas. O fútbol feminino non tiña a estabilidade que ten agora, porque unha liga podía ser boa un ano e, ao seguinte, non tan boa. E o mesmo pasaba cos equipos, porque podía haber un bo patrocinador un ano e perdelo ao seguinte. A outra razón que me obrigou a moverme é a miña ambición deportiva. Quería ser das mellores e, para selo, hai que xogar contras as mellores, nos mellores sitios e no momento indicado.

Foto: Utah Royals

Non cansa estar tanto tempo lonxe da casa?

Custar sempre custa. Unha das cousas que máis odio son as despedidas, aínda que esteas acostumada a estar fóra. Marchas para facer o que che gusta e porque ti queres, pero non é doado deixar todo atrás. Os primeiros anos era máis complicado, despois funme acostumando e agora empeza a pesar un pouco máis. Levo xa tantos anos fóra que pronto debería ser o momento de volver.

En que país te trataron mellor?

É complicado. Tiven a sorte de estar moi a gusto en todos os países e todos teñen as súas cousas. En Suecia foi unha etapa boa. Deuse todo, unha boa acollida, porque todo o mundo fala inglés, e tamén foron anos bos no deportivo. É un dos países dos que mellor recordo teño tanto de trato como no plano deportivo, pero non hai queixa de ningún sitio. A Estados Unidos tamén é fácil adaptarse, mentres que tanto en Rusia como en Alemaña, que son países máis fríos, puido custar algo máis.

Que che pecharan a porta da Selección Española foi o momento máis amargo da túa carreira?

Si. Os peores momentos son cando non podes xogar. No meu caso, por lesión ou porque o decida alguén. Tiven a sorte de non ter grandes lesións na miña carreira, só recordo unha no Bayern que se alongou case cinco meses. E no outro caso, o final da selección non dependía de min e foi un pouco máis difícil de aceptar.

Despois de catorce anos coa selección, ninguén me deu unha explicación, nin o corpo técnico nin a directiva da federación. Foi unha decisión controvertida polas formas. Non había razón deportiva

Fuches unha cabeza de turco trala protesta das xogadoras contra o anterior seleccionador, Ignacio Quereda, ao acabar o Mundial de 2015?

Despois de catorce anos coa selección, ninguén me deu unha explicación, nin o corpo técnico nin a directiva da federación. Foi unha decisión controvertida polas formas. Non había razón deportiva e non sei se foi consecuencia do de Canadá ou se era algo persoal do adestrador, pero foi difícil de aceptar e de entender.

Veste no futuro outra vez con esa camiseta?

A miña etapa na selección rematou, non porque eu quixese, pero sei que esas portas están pechadas. Ao principio foi máis complicado de aceptar, pero o tempo pasa e, ao final, sempre digo que un só pode controlar o que depende del.

Cambiarías por algo a Champions, algún galardón dos que tes ou aquel histórico gol na prórroga ante Escocia que valeu o pase á Eurocopa?

Cambiaría calquera recoñecemento individual por títulos colectivos, evidentemente, pero todo o conseguido foi buscado e traballado. Se me din de deixar de ganar a Champions ou non xogar un Mundial ou unha Europa sería difícil porque valoro moito o camiño, que foi complicado e bonito. Quédame a mágoa de non ter participado nuns Xogos Olímpicos. É complicado no fútbol feminino, pero sempre digo que, o que non consiga como xogadora, intentarei conseguilo como adestradora.

A nova Vero Boquete está en camiño ou será improbable que alguén poida repetir o que ti conseguiches?

Espero que haxa moitas en camiño. As condicións cada vez son mellores e o normal é que vaian saíndo tamén mellores xogadoras. Non sei se cunha carreira con tantos países e ligas como a miña, porque tampouco terán esa necesidade, pero seguro que virán por detrás moi boas futbolistas.

Demostras compromiso social co apoio a iniciativas como Common Goal, doando parte do teu salario a proxectos solidarios. Cres que máis xente do mundo do deporte debería facer o mesmo?

Os deportistas están cada vez máis comprometidos a nivel social, aínda que nos medios non é o que máis se destaca nin é o que máis pregoan as grandes estrelas. Todo o que se faga sempre é pouco, no deporte e no resto das profesións. Moitas veces cremos que os deportistas terían que ser máis solidarios que outros sectores e non é así. Todos teñen a súa importancia e, dentro do deporte, non todo o mundo é multimillonario. Só unha porcentaxe moi pequena e o único que podemos facer os comprometidos é liderar co exemplo e esperar que se unan máis.

Sei que teño un altofalante, que estou nunha posición na que chego a moita xente, e hai que aproveitar iso. Nunca me escondo porque valoro moito a liberdade de poder dicir e facer o que queira

Es columnista nun xornal nacional, nunca te escondes cando che piden entrevistas e non tes pelos na lingua. Tampouco é o habitual nun deportista en activo…

Sei que teño un altofalante, que estou nunha posición na que chego a moita xente, e hai que aproveitar iso. Nunca me escondo porque valoro moito a liberdade de poder dicir e facer o que queira. É un luxo e un privilexio e teño que facelo. O que non sería normal en min sería non mollarme nalgúns temas. Non sería coherente coa miña forma de pensar.

Causouche algún desgusto esa exposición ou xa te inmunizaches de nena nos campos?

Estou inmunizada, pero sempre afecta e sempre os tes que sufrir. Cando falas sabes que pode haber consecuencias e asúmelas. Para min, é primordial dicir o que penso e acato as consecuencias con dignidade.

Veste de comentarista?

Cústame, porque me vexo antes noutros sitios, pero a miña relación cos medios é boa. Tanto ao escribir como ao falar, encóntrome cómoda. Podería ser unha opción, pero non o penso demasiado.

Cal é a fórmula para que o fútbol feminino xere máis ingresos e gane forza á hora de negociar os convenios colectivos?

Pasa por vender o produto. Ningunha empresa vende millóns na primeira semana. O fútbol feminino estivo moitos anos marxinado, sen apoios. Crecemos nunha educación machista e todo iso fai que a xente non tivese a oportunidade de desfrutar do fútbol de mulleres e que estas non tiveran mellores condicións para adestrar. É unha aposta. Trátase de facer un investimento, que é o que se está facendo agora, para crecer da man do fútbol masculino. Ir todos xuntos. Nos últimos anos foi un acerto que eses grandes clubs fixeran a sección feminina, porque dá estabilidade e axuda en todos os sentidos: significa ter facilidades en instalacións, nas viaxes ou nos servizos médicos. A partir de aí, haberá mellores xogadoras e o espectáculo será mellor. Coa difusión en medios de comunicación chegarase a máis xente, que repetirá se lle gusta o que ve, e pasaremos de ter 500 espectadores nun campo a ter 5.000. Esa é a realidade.

Como rebates aos que xustifican que non se lles pague máis ás xogadoras porque non xeran suficiente negocio?

Os que din iso deben saber que non pedimos un millón de euros, senón un salario mínimo. A ver cantos van a partidos de Terceira, Segunda B ou incluso de Segunda e Primeira División. Eu son do Espanyol e ás veces van 15.000 afeccionados ao estadio. Eu en Utah xogo con 15.000 persoas todos os partidos e non gano o que ganan os xogadores. Necesitamos investimento para xerar ingresos.

Foto: Utah Royals

Tes a vida solucionada?

Non. Dentro do que cabe, fun aforrando algo. Tiven que moverme moito para ter algo co que comprar un apartamento ou algo así e ter un pouco de tranquilidade, pero o día que me retire terei que traballar e non me poderei sentar nunha casa con piscina e xardín a ler o xornal. Tampouco me gustaría facer iso (risas).

Que “plan A” tes para o día de mañá?

Ser adestradora. Quero estar o menos lonxe posible do campo. E o menos lonxe que hai é o banquillo, aí a un metro do campo. É o máis parecido a ser xogadora e sempre me apaixonou desde pequena poder dirixir, entender mellor o xogo a axudar ao equipo a poder ganar e a ser mellores.

Teslle medo ao día de colgar as botas ou non pensas niso?

Non é un tema tabú. Temos que estar preparados para cando ese día chegue. O final da miña carreira está máis próximo, como é normal, e non pensas todo o tempo niso, pero cada vez quedan menos tempadas en activo. Agora desfruto moito máis do que me dá o fútbol e, saber que vai chegar a retirada, vaite preparando e preocúpaste por formarte para outros temas. É o que fago diariamente.

O aeroporto de Santiago leva o nome de Rosalía de Castro e o estadio de fútbol o de Vero Boquete. Quen o imaxinaría non hai tanto, non?

Que o estadio leve o meu nome é o maior recoñecemento á miña carreira e o maior dos títulos que conseguín. Era impensable, como outras cousas, pero que un estadio así leve un nome de muller aínda máis. Vivo nas Fontiñas, miña avoa é de Amio, eu crecín indo a ese estadio, adestrei no aparcamento e por alí, e foi algo que non esperaba. É o máximo e mellor recoñecemento que me puideron facer.

VERO BOQUETE, en poucas palabras

  • Con quen che gustaría ir de cañas ou saír de copas? Con Iniesta, ten que ser moi gracioso (risas)
  • Unha data especial para ti. O 25 de xullo, Día de Galicia
  • A túa comida e bebida preferidas. Polbo, empanada, percebes, lasaña… teño moitas! Auga e viño tinto para beber
  • Un restaurante que recomendarías. Moitos, en diferentes cidades, países e continentes (risas)! En Santiago, Artesana
  • A túa película preferida. El último samurai
  • Un libro que te marcou. Hai xa anos, El principito. Máis recente, Vayamos adelante
  • O libro que estás a ler. Legacy, de James Kerr
  • Unha canción e un grupo/cantante. A canción, Tu oportunidad, de Taxi. A cantante, Sés
  • Se non foses futbolista serías… Mestra
  • Un recuncho de Galicia para perderte. Porto do Son

  • De que persoeiro famoso es moi fan? Pau Gasol
  • A túa peor manía. Non teño
  • Unha viaxe por facer. Filipinas
  • Que ou a quen levarías a unha illa deserta? Aos meus amigos (risas)! E, se non, un balón e á miña cadela
  • Un vicio. Ver fútbol
  • Un pecado/delito confesable. Son un anxiño
  • Un soño ou pesadelo recorrente. Que me perseguen e non son capaz de correr rápido
  • Un sentimento. Felicidade e gratitude
  • A palabra máis fermosa en galego é… Morriña
  • Praia ou montaña. Praia
  • Un lugar para vivir. Galicia
  • Un desexo. Que todos teñamos sentido común

Reflexións de VERO BOQUETE sobre…

Feminismo

É imprescindible para unha sociedade igualitaria. Todo o mundo debería ser feminista porque o feminismo busca a igualdade entre homes e mulleres, non busca ser máis nin menos, senón igual. Mesmos dereitos e obrigacións, mesmo respecto, mesmas oportunidades…

Inmigración

Os galegos sabemos ben que quen ten que emigrar a outro país case nunca o fai por gusto. Axudar na solución de problemas noutros países debería ser a primeira medida. A seguinte é a acollida e a axuda para supervivencia e desenvolvemento persoal. As persoas e a vida sempre deben ser o primeiro.

Política / Políticos

Unha gran decepción. Pouca xente cre ou confía na política e iso é grazas a gran cantidade de políticos incompetentes que fomos tendo ao longo dos anos. Corrupción, malversación, falta de capacidade para xestionar situacións, falta de liderado, falta de sentido común… Sempre hai excepcións, pero a norma é que os políticos xa non serven aos cidadáns, senón aos seus propios intereses. Mandan e ordenan seguindo ideoloxías e non valores.

Monarquía

Innecesaria. Houbo outra época onde a familia real significaba algo, pero a día de hoxe, entre tantos erros e barullos, o único que nos dá son desgustos e gastos. Se non suma, que tampouco reste, e se iso acontece como na actualidade…

Cambio climático

O dano feito ao planeta é imperdoable, pero aínda estamos a tempo de frealo e buscar unha forma de vida máis sostible. Os líderes políticos teñen que chegar a acordos e tomar medidas que realmente se cumpran. A xente de a pé temos a obriga de facer todo o posible no día a día. Todos podemos ter o noso impacto.

Aborto

Legal. ‘No uterus, no opinion’. A muller debe ser libre de decidir sobre o seu corpo e a súa vida. Sobre o que temos que debater é sobre a educación sexual e os comportamentos das persoas.

Eutanasia

Legal. Regulada e controlada para que realmente quen a queira e precise poida tela. Cada un é libre de decidir sobre a súa vida e, no caso da eutanasia, son casos extremos. Morrer con dignidade debe ser un dereito.

Redes sociais

Unha arma de dobre fío. Son redes, pero de sociais teñen pouco, polo menos o social no que pensamos ao dicir esa palabra. Póñennos en contacto con moita xente, pero sempre na distancia, no baleiro. O seu bo uso, en tempo e en mensaxe, pode ser moi beneficioso. Sempre podemos encontrar bos exemplos.

Esta entrevista realizouse o día 8 de abril de 2020 mediante unha chamada telefónica desde Santiago de Compostela ás 19.30 horas, oito máis que en Salt Lake City (Utah – Estados Unidos), onde se atopa respectando o confinamento polo Covid-19 Vero Boquete, xogadora dos Utah Royals da National Women´s Soccer League (NWSL)

Etiquetas Fútbol

Entrevistas Relacionadas

Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”
Deporte

Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

por Xabier Colmeiro
06/05/2020
0

É o comandante da resistencia. O campión da insistencia. Adrián Alonso Pereira "Pola" (Vigo, 26 de xuño de 1988) foi partícipe entre 2014 e 2018...

Ler máis

Copyright © 2020 wecom

No Result
View All Result
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
  • deporte
  • economía-Empresas
  • contacto

© 2023 JNews - Premium WordPress news & magazine theme by Jegtheme.