É o comandante da resistencia. O campión da insistencia. Adrián Alonso Pereira “Pola” (Vigo, 26 de xuño de 1988) foi partícipe entre 2014 e 2018 dun fito do fútbol sala: a consecución de cinco ligas e dúas Copas de Europa como xogador do Movistar Inter. En 2021 cumpriranse 10 anos desde que deixou Santiago para enrolarse no equipo que xoga á sombra do seu palmarés, un exercicio de tenacidade inimaxinable para aquel rapaz que chegou no 2005 ao Autos Lobelle procedente dos xuvenís do Redondela. Catro veces tivo que dobrar o xeonllo por lesións graves e sempre se levantou. Da última aínda cambalea e ata tivo pesadelos con verse fóra para sempre, pero só foi un paso atrás. A receita, simple, non lle funciona a todos. Constancia no traballo, afán competitivo e vontade de ferro, porque non hai alicerces máis firmes que o asfalto ou o cemento de Coia naqueles interminables partidos do principio da adolescencia. Vive coa súa muller, Paula -unha estradense á que coñeceu na etapa compostelá-, en Paracuellos del Jarama, onde entre paseo e paseo co seu can Bimbo lle queda tempo para non perdela forma física, atender aos estudos de Fisioterapia, cociñar e facer plans.
Barbeaches todo un sinal de identidade. A que obedeceu esa decisión?
Veume á cabeza e fíxeno. Non podo ir á barbería na que acostumo a arranxar a barba e apeteceume quitala. Ao principio sentíame raro, pero agora xa me vexo máis normal. Supoño que a volverei deixar.
Contemplaches a posibilidade de saír de Madrid cando se decretou o estado de alarma?
Ao principio non podiamos marchar porque non se sabía cando volveriamos adestrar. Temos unha casa aquí comprada, os dous estudamos e nin o pensamos. A miña muller non sae desde que empezou todo isto e son eu o que vai ao súper e baixa o can tomando todas as medidas de precaución e respectando todas as normas. Por sorte vivimos nunha casa con xardín e terrazas que che dan ese airiño que se agradece.
Que prato é o que mellor che sae?
A tortilla de pataca. Gústame cociñar e neste confinamento aínda o fago máis, sobre todo a cociña máis elaborada. Como teño máis tempo, algún prato dos que fago ata me pode levar dúas ou tres horas. Son fan de Dabid Muñoz e estes días probei cuns tacos de costela que, para ser a primeira vez, saíron moi bos. Tamén empecei a facer lasaña, que nunca a facía. Era cousa da miña muller, con queixo e pavo. Quedáballe moi boa e eu deille o meu toque.
No regreso ás pistas veste xogando sen público?
Polo que levo falado con directivos do club e con xente da asociación de xogadores, hai opcións de acabar a liga de forma exprés, evidentemente sen público, e de que a próxima tempada se inicie tamén con restricións de aforo. Véxome xogando sen público porque coa selección xa xoguei en pavillóns case baleiros e tamén me lembro dunha Intercontinental que xogaramos en Catar, porque hai países nos que o fútbol sala non é tan popular. Xa o fixen, pero non é o mellor para o deporte. O único positivo é que se poderán explotar os dereitos de televisión.

O Mundial, ese título que che falta, debería xogarse en setembro deste ano en Lituania. Viríache ben un aprazamento?
Sinceramente, creo que se retrasará, aínda que non sei canto tempo. É unha pena, pero sendo egoísta creo que me vén ben. Estiven moito tempo lesionado, esta temporada apenas tiven minutos e, para recuperarme e prepararme para volver, viríame ben que se retrasase.
Fuches internacional máis de 100 veces. Cal é o teu mellor recordo?
Son tres. O mellor foi ganar o Europeo de Belgrado de 2016, o único título que teño coa selección, aínda que tamén ganamos un bronce (2014). Debutar coa selección foi outro gran día e chegar ás 100 internacionalidades na semifinal dunha Eurocopa, e con vitoria, tamén foi moi bonito.
O máis amargo foi aquela derrota contra Rusia, no Mundial de Colombia, onde se perdeu unha gran ocasión para ser campións?
Si, pode ser o peor. Despois daquel Mundial estivera un mes e pico nunha situación anímica como nunca antes. Afectoume bastante. Creo que foi un fracaso absoluto porque non estivemos á altura. Pero ganou a selección máis preparada, como se viu na final. Arxentina foi a xusta vencedora. Nos meus inicios, cando ía xogar o meu primeiro Europeo, lesionei o xeonllo adestrando coa selección, e quizais sexa a outra peor situación que vivín.
Sentícheste un neno diferente por non ter xogado nunca ao fútbol 11 e porque o teu ídolo fora Paulo Roberto en vez de Mostovoi, por exemplo?
Que va. Eu divertíame moito xogando ao fútbol sala. Cando es neno onde máis xogas é cos amigos, no colexio, no barrio. Tiñamos un equipo de amigos que só xogabamos a fútbol sala, entre eles meu irmán, e non me sentín diferente. Quería chegar a onde chegara Paulo Roberto, pero evidentemente tamén seguía ao meu Celta.
Pola vén de Polaco e das pachangas de Coia. É curioso que resistise tantos anos o alcume, ata na elite.
De pequeno tiña o cabelo moito máis louro, de aí o de Polaco. Agora xa tira a rubio porque foi escurecendo. Desde os 11 anos e aí quedou. É moi curioso porque hai moita xente que non me sabe o nome.
Que recordas da fichaxe polo Lobelle?
Cando fichei xogaba no xuvenil de Liga Nacional do Redondela e fora convocado algunha vez co equipo sénior, que estaba en Primeira Nacional B. Xusto un ano antes morrera meu pai e tamén tivera a oportunidade de ir xogar a Ourense, non sei se no primeiro equipo ou no filial, pero por razóns familiares e porque tiña que rematar a ESO non foi posible. Con 17 anos, o Lobelle chamounos a varios xogadores do Redondela para ir adestrar co filial e probar. Por sorte, fichamos Mario e máis eu e recórdoo con moita ilusión. Eses primeiros meses todo era diferente, ningún vivira fóra da casa, estabamos cinco rapaces nun piso e só alguén que pasara por iso sabería comprender o que se sinte.
Como era o daquela presidente, José Antonio Lobelle?
Era o xefe. E tamén era un fan e iso quizais o levou a ter discusións porque dicíase que a familia quería que o deixara. O club era a súa vida, facía todo o posible por mellorar o equipo e eu recórdoo coma unha boa persoa. Fixo moito polo fútbol sala. Vino hai uns meses e non cambiou nada. Téñolle moito aprecio. Un presi ten cousas boas e outras non tan boas, pero a el e ao Lobelle téñolle moito cariño porque foi o equipo que me fixo ir para arriba.
A Copa ganada en Zaragoza, a Recopa contra o Benfica, a Supercopa de Guadalajara, a final das Travesas, os play off. Que tempos!
Miras cara atrás e dis, vaia equipazos houbo. Que xogadores! Fora moi boa época. Habendo rivais moi bos, ganáronse títulos e chegouse a finais. Ás veces penso como sería ese equipo agora.
Ao pouco de chegar a Santiago fuches cedido a Sevilla. De que che serviu aquela experiencia?
Veume moi ben. Aínda me acordo do día no que mo dixo Venancio. Era verán e chamoume por teléfono. “Te vas cedido”, díxome. E eu respondinlle que se cría que era o mellor para min, que me ía. Falamos das condicións e marchei. Foi un ano bonito e a miña intención, se non volvía para Santiago, era quedarme alí, porque a pesar de ser un xogador novo tiña un papel importante nun equipo de Segunda que xogara play off. Gardo ese recordo con moito cariño.
Con adestradores como José Venancio López ou Tomás de Dios é máis fácil saír bo xogador?
Venancio foi coma un pai deportivo para min. Ás dúas semanas de chegar xa me puxo a adestrar co primeiro equipo e aí empezou a esixencia. Chamábame moito e, cada vez que vía o seu nome na pantalla do teléfono, dicía para min, que me quererá agora (risas). Foi moi importante para min e sacoume unha faceta que non tiña, a defensiva. Con el mellorei moito e fíxome xogador. E cando se foi, Tomás puliu todo iso e seguín mellorando.

Jesús Velasco, adestrador durante sete temporadas do Movistar Inter, tampouco era manco…
Sempre digo que el foi quen me completou como xogador. Fixo que mellorara tacticamente en ataque e ofensivamente con balón. Adestraba moito, e así moitos anos. Son o xogador que son por eles tres, son os que me fixeron.
Veste adestrando despois de colgar as botas?
Non. Nunca se pode dicir, pero agora mesmo véxoo ligado a esa inestabilidade que fai que un adestrador pode estar hoxe aquí e mañá noutro sitio. Como xogador tiven a sorte de estar moitos anos no Inter e, antes, en Santiago. Bailei por poucos equipos e esa inestabilidade dos adestradores non quero que me acompañe durante toda a miña vida.
O fútbol sala cambiou moito. Antes non se defendía como agora, é o primeiro que hai que dicir. Antes había partidos de oito, dez ou 14 goles e agora é inviable, pero non por iso se perde espectáculo
Desde o punto de vista do espectador, a táctica gañoulle demasiado terreo á fantasía no fútbol sala. Como se percibe desde a pista?
O fútbol sala cambiou moito. Antes non se defendía como agora, é o primeiro que hai que dicir. Antes había partidos de oito, dez ou 14 goles e agora é inviable, pero non por iso se perde espectáculo. As regras cambiaron e o contacto excesivo limita o caneo e que o xogo sexa máis espectacular. O segundo que hai que dicir é que tamén cambiaron moito os rapaces que veñen por detrás. O xogo na rúa daba moito diso e a día de hoxe é case nulo. Antes pasabas tardes ou días enteiros nos veráns xogando partidiños coa grada chea de rapaces esperando para entrar na pista e agora velas baleiras ou os nenos están facendo outras cousas que non son xogar ao fútbol sala.
Despois de todos estes anos na elite prevalece entre o gran público o perfil do Pola espartano ou gladiador. Desgústache ese papel?
A miña característica principal, e creo que é no que son mellor, é a lectura defensiva, con moita intensidade. Un deses xogadores que fai falta nun equipo, e non porque o diga eu, se non polo que che di a xente, pero tamén creo que se subestimou a calidade que teño. Non son dos que fan marabillas ou caneos cada dous por tres, tecnicamente non son un número un, pero tampouco son dos malos, e creo que a miña capacidade goleadora tampouco está mal.
Cantas veces pasaches polo quirófano?
Con 18 anos opereime do menisco e con 20 rompéronme o cruzado do xeonllo dereito, o ligamento lateral externo e o menisco, aínda que non chegou a ser a triada, porque só estaban afectados. Con 23 foi o cruzado do xeonllo esquerdo e o ano pasado opereime de menisco. Fun saíndo de todo pola capacidade de querer, de ser constante e de confiar.
Nas lesións é cando realmente sabe un de que está feito?
Creo que si, tanto no deportivo como no persoal. Nunca cambiaría o terme lesionado. Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa, aprendendo a afrontar a situación, e ademais volvín estudar, algo que sempre agradecerei. A miña segunda lesión fíxome tomar as cousas con máis seguridade e volver á universidade, e iso foi moi importante na miña vida. Estar lesionado fíxome ver o futuro doutra forma.
Cinco ligas e dúas Champions seguidas entre 2014 e 2018. Poderá alguén igualar ese rexistro?
Será moi difícil. Fomos os primeiros que o fixemos e os únicos. Sen esquecer as Copas de España, a Copa do Rei e as Supercopas. Polo medio tamén quedei campión de Europa coa selección. É complicado que se repita e aínda agora empezo a ser consciente do que conseguín, porque mentres o fas non o es. A ver se entramos noutro ciclo ganador antes de que me retire.

Que título foi o que viviches con máis emoción?
Co Lobelle fíxome ilusión o da Copa. Só acompañara ao equipo na viaxe, nin me vestín de curto, pero ver aquel ambiente fíxome pensar que era polo que eu quería xogar, non por un partido de liga cun pavillón baleiro. No Inter, quédome coa quinta liga, a que máis ilusión me fixo, porque sabiamos que era facer algo histórico e grande. E foi nos penaltis do quinto partido do play off.
Que ías ganar títulos no Movistar Inter dábase por suposto, o difícil é que te fichen e sobre todo aguantar tantos anos. Que importancia lle das?
Moitísima. Cando estaba en Santiago, antes de que me chamara o Inter, nin me imaxinaba que podía pasar iso. Empecei a destacar e, cando viñeron por min e me ofreceron dous anos pensaba, a ver se o fago ben e sigo. Lesioneime e renováronme por cinco anos e xa pensaba en se seguiría alí con 28. E pasaron outros tres anos. Lembro que cando cheguei empezaramos moi mal, só conseguimos un título en dous anos, tivemos moitas críticas e había bastante xente que falaba de que o rendemento non era o esperado. Pero empezamos a ganar e a ganar, que no deporte é moi difícil, sabendo que estás nun club que ten esa obriga. Colles unha boa dinámica e aguantar ata a que sería a miña décima tempada aquí é algo que valoro moito despois de vir de abaixo. Poucos o conseguiron.
Serás o próximo capitán ou xa se verá?
Son o terceiro a día de hoxe e é unha pena que tanto Carlos (Ortiz) como Ricardinho, que son outros capitáns, vaian marchar. Se deciden que o sexa, collereino con ilusión, con ganas e con moito orgullo. Ser o capitán do club máis laureado do mundo é un orgullo para calquera, pero hai outros xogadores que levan tempo aquí e que tamén o poderían ser.

Que tal é a relación con José María García, o propietario do club?
É boa. Vén a todos os partidos, a algún adestramento e a algunha viaxe. A min axudoume moito cando necesitei diferentes probas médicas coas lesións. Sempre intenta axudar no que pode e quitarche preocupacións. Tamén é moi esixente con nós, pero é a esixencia que debe ter este club. E o día que me vaia agradecereille todo o que lle teña que agradecer porque se porta moi ben.
En 2018 elixíronte terceiro mellor xogador do mundo. Que che viron?
(Risas). Fora unha boa tempada, tanto co club como coa selección. Estiven no quinteto do Europeo de 2018 e co Inter fun campión de Europa e de liga. Conseguir títulos e facer un bo papel ao longo dunha tempada, tamén nos momentos importantes, supoño que contou moito.
Na pista é un fenómeno, pero como é Ricardinho de portas a dentro?
É unha persoa normal, coma todos, un traballador. Se é o mellor do mundo é porque non deixou ao azar que pasaran as cousas. No vestiario é un máis, a xente pode que o vexa coma unha estrela, pero é todo o contrario.
Xa non hai quen che quite o dorsal 7?
No Inter levo un par de tempadas con el. En Santiago e coa selección, cando o puiden coller, tamén o tiven. Antes era o 14, e rompín o xeonllo con el, porque era o dobre de sete, o número de Paulo Roberto. Gústame o sete e non o soltei cando o collín.
Na celebración dos goles non gardas nada.
Depende do partido e do momento, pero son unha persoa moi competitiva e o gol é o máximo. Sempre se debería celebrar e, dependendo de que teñas máis ou menos euforia e en función do partido que sexa, gústame celebralo e recrearme desde a miña felicidade, non desde a farándula. Non acostumo a pensar no que farei se marco, as viravoltas que daba saíanme, non as facía porque o pensara.
Aquel dobre mortal para celebrar o gol na final do Europeo foi espontáneo entón?
(Risas). Non foi espontáneo porque xa me berraran no club varias veces. Na praia ou no xardín sempre practicas, polo que non me tirei ao precipicio facendo aquelas piruetas. A hostia pode ser interesante.
Co clinic que organizas e apadriñando a liga de Biberóns da Federación Galega demostras que te ocupas da base. Hai que estar preocupado?
Preocúpame moito, sobre todo en Vigo, e preocúpame porque seguen pasando os anos e non hai un club serio que aposte por facer ben as cousas. Hai moita competencia co fútbol, pero o fútbol é un deporte e o fútbol sala é outro. Non me gusta que un neno poida ou teña que compaxinar os dous, porque ao final non sabes o que quere. No futuro gustaríame facer unha escola, non necesariamente para competir, se non para ensinar aos nenos, para inculcarlles valores sobre o fútbol sala. Hoxe en día en Galicia hai clubs cunha estrutura seria, pero en Vigo nunca o houbo e dóeme ver que hai equipos con nenos de oito, nove ou dez anos nos que o único que se quere é ganar e ser campión de Vigo, de Galicia ou de España. E despois non chegan a nada. Eu fun segundo e terceiro moitas veces e mira onde cheguei. O importante é aprender, mellorar e que adestren e xoguen porque queiran e non porque os obriguen os pais para que o seu fillo sexa un Cristiano. Non se lles pode esixir máis do que poidan dar. Meus pais nunca me esixiron nada. Gustáballes que xogara e había días que adestraba ata catro horas con dous equipos distintos, pero era porque quería e me gustaba. Eu desfrutaba, e iso foi o que me fixo chegar.
Encantaríame (que o Celta tivese sección de fútbol sala algún día). Díxeno abertamente xa nalgunha ocasión
Gustaríache que o Celta tivese sección de fútbol sala algún día?
Encantaríame. Díxeno abertamente xa nalgunha ocasión. Gustaríame contactar con eles nun futuro porque sería a forma de crear un club serio, de facer as cousas ben, de crear base de fútbol sala e un equipo que puidera chegar a Primeira División. Non sería só poñerlle o nome e unha camiseta, como xa se fixo. O Celta ten capacidade para moito máis, non lle suporía un gran esforzo, pero habería que facelo desde o traballo, cunha selección de bos xestores de fútbol sala. É complicado, pero oxalá nun futuro se poida intentar organizar todo iso.
O teu futuro pasa pola fisioterapia?
Nunca se sabe. Pode que cando me retire aparezan cousas interesantes que se poidan coller, pero estudo para ter o meu traballo cando remate o fútbol sala. Quero desfrutar co que fago e as perspectivas de futuro pasan por exercer a fisioterapia no ámbito deportivo ou por montar unha clínica. É para o que me preparo. Se me chega a oportunidade e me teño que ligar ao deporte, cunha escola ou montar o que sexa, xa se verá. Tamén teño un amigo nos Estados Unidos que quere que traballe con el e pode pasar calquera cousa, pero prepárome para facer algo co que desfruto.
Botas de menos Galicia?
Moito. Vivo en Madrid hai moitos anos, pero imos no verán e no Nadal. Boto de menos o mar. O meu sono é vivir nunha casa con vistas ao mar. É complicado atopar un galego que non bote de menos a súa terra.
POLA, en poucas palabras
- Con quen che gustaría ir de cañas ou saír de copas? Co meu compañeiro Gadeia. Pasei a Noitevella con el e é o xogador co que máis relación teño na plantilla
- Unha data especial para ti. 29 de xuño, de 2017 e de 2004
- A túa comida e bebida preferidas. Encántame comer. Está sendo un descubrimento a comida asiática e a mexicana, cun toque picante. Son de auga, pero un viño tinto ou unha cervexiña cando vai calor non a perdoo
- Un restaurante que recomendarías. StreetXo, de Dabid Muñoz
- A túa película preferida. Non teño
- Un libro que te marcou. Cando me lesionei, engancháronme Ángeles y demonios e La sombra del viento
- O libro que estás a ler. Os apuntamentos de Fisioterapia
- Un grupo/cantante. Michael Jackson
- Se non foses deportista profesional serías… De pequeno gustábame a Bioloxía, pero non sei se acabaría sendo biólogo
- Un recuncho de Galicia para perderte. Unha praia para facer surf na ría de Muros e Noia, que aínda quedan sitios virxes
- De que persoeiro famoso es moi fan? Kobe Bryant, Rafa Nadal… gústame ese tipo de mentalidade deportiva
- A túa peor manía. Non teño, pero son algo patoso, cáenme as cousas das mans
- Unha viaxe por facer. Australia, quero ir si ou si, pero quedará para cando me retire. Coa muller tamén teño falado de visitar a Antártida ou o Polo Norte
- Que ou a quen levarías a unha illa deserta? A miña muller. Non podo dicir a outra persoa. Estamos os dous pechados na casa e non discutimos nin unha vez. Temos unha relación moi boa
- Un vicio. Non os teño malos. Pérdenme as gominolas, pero intento comelas o menos posible
- Un pecado/delito confesable. Non sabería dicir
- Un soño ou pesadelo recorrente. Coa lesión deste ano tiven pesadelos coa retirada repentina, inoportuna e anticipada
- Un sentimento. Sempre intento ser boa persoa con todo o mundo e evitar os problemas. Haberá xente que me vexa na pista e diga, nin de coña (risas), pero fóra trato de axudar no que poida
- A palabra máis fermosa en galego é… Morriña
- Praia ou montaña. Prefiro a praia, pero tamén me gusta a montaña e en Galicia temos de todo
- Un lugar para vivir. Galicia e, no estranxeiro, Nova York
- Un desexo. Ter saúde. O resto xa virá