somostribo
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    Ramón Vilar: “O dos libros é coma o dos fillos: co primeiro estás aí pendente toda a noite a ver se respira e co segundo xa adormeces pensando que mal será”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

  • deporte
    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

  • economía-Empresas
    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

  • contacto
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    Ramón Vilar: “O dos libros é coma o dos fillos: co primeiro estás aí pendente toda a noite a ver se respira e co segundo xa adormeces pensando que mal será”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

  • deporte
    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

  • economía-Empresas
    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

  • contacto
somostribo
No Result
View All Result

Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

"Mira como cambiou o conto! Agora por Madrid van os coches a 30 km/h e en Lalín os tractores pasan todos de 60"

por Marga Pazos
12/05/2020
A A
Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”
Comparte en FacebookComparte en TwitterComparte por WhatsApp

E ti cantas vacas tes? Teño 103. Neste caso, a mítica pregunta dá ata para pareado. Avelino Souto Rozados (Barcia, Lalín) acariña nelas cada día. Porque el é un deses gandeiros que se di amante das súas vacas. Igual ca outros lles dan bicos e aloumiños ás súas mascotas, el desvívese polas que son, ao mesmo tempo, o seu amor e a súa ferramenta de traballo. Ferramenta viva. Coñéceas a todas, sabe cal ten que ir diante para muxirse a gusto e ten tanta confianza con algunha como para montar a cabalo dela. É fillo, neto e bisneto orgulloso de gandeiros, presidente do Clube de Xóvenes Gandeiros, campión de Europa de manexo de reses, concelleiro, instagramer, facebooker… Defende que no rural está a esencia dende moito antes de que o estado de alarma o decretase esencial. E todo isto, con 21 aniños. Avelino Souto é tribo.

Só 21 anos, cuarta xeración de gandeiros en Midón (Barcia – Lalín) e decidido a continuar coa saga. Avelino, es un tipo raro?

(Risas) Pois igual se pode dicir que si. É posible, si.

Dígoche o de raro só por estatística. Onde estudaches a Primaria?

En Vilatuxe, aquí nunha aldea do lado.

Cantos erades na aula?

Eramos 9.

A día de hoxe, cantos deles son gandeiros?

Ah, non, ningún.

Pois iso: es un tipo raro.

Visto así, si! (Risas)

Frases como “isto non ten futuro”, “iso é moi escravo”, “vaite estudar e marcha vivir á cidade”, “isto é unha merda”… Debe de ser complicado amar algo do que só oíches falar mal, é inevitable velo con negativismo. Cantas veces escoitaches cousas así?

Moitas, moitas. Pero eu a frases así xa decidín non facerlles caso. Nin entro a debatelo sequera. Antes parecíame mal. Noutros países en que a xente nova queda no agro e séntense moi orgullosos do seu traballo sempre é porque antes os seus pais e os seus avós sentíanse moi orgullosos tamén e a sociedade respectábaos. Todo é unha cadea. Aquí xa o propio gandeiro non se valora a si mesmo e a sociedade tampouco o fai. Así se entra nese negativismo. Ese tipo de comentarios en España vén dado por iso. A xeración dos meus pais e, sobre todo, a dos meus avós, que tantas cousas boas fixeron, si caeron nese non valorarse, en non valorar ese gran traballo que fixeron, a vida na aldea. Antes víase doutro xeito, o que quedaba na casa era porque non tiña outro sitio onde ir, tiña que quedar obrigado para coidar os pais e as catro vacas que había na corte.

Levamos máis de 50 días en que, se non fose por vós, ninguén tería nada que poñer na mesa. Cres que este momento que estamos vivindo, todos confinados, pode axudar a poñer o rural no sitio que realmente merece?

É verdade que se non houbese agricultores nin gandeiros ninguén tería comida. Pero creo que dentro duns meses unha gran parte da poboación xa non o vai lembrar. Sinceramente.

O médico, o taxista e o obreiro son moi importantes, pero ningún deles come se non hai agricultores

Pero fostes oficialmente esenciais, aínda que xa o fósedes de sempre…

Xa o dixen na graduación e direino sempre: o médico, o taxista e o obreiro son moi importantes, pero ningún deles come se non hai agricultores. Neste momento os sanitarios son os grandes heroes e ninguén o discute, os mestres tamén, o obreiro tamén, o taxista tamén, pero sen gandeiros e agricultores non come ninguén. Somos coma ese piar que aguanta da casa toda e se ese piar cae… imaxina que non houbese comida, tomariamos ao asalto os supermercados, pelexariamos por unha pataca. Sen saír pasamos, sen ir ao bar pasamos, está quedando demostrado, pero sen comer a xente non pasou. Somos como ese piar que está por baixo dos cementos, é fundamental, pero ninguén o ve.

Moito falar da España baleira, da Galicia baleira, todo son palabras e declaracións. E é moi fácil: a xente irá ao rural se alí hai traballo e os mesmos servizos ca nunha cidade

Moito se fala da España baleira, da Galicia baleira, con toda a perda natural e de riqueza que iso supón. Como cres ti que se pode reverter esa tendencia?

Mira, este é un tema que a min persoalmente me enfada un pouco. Moito falar da España baleira, da Galicia baleira, todo son palabras e declaracións. E é moi fácil: a xente irá ao rural se alí hai traballo e os mesmos servizos ca nunha cidade. Ninguén vai vir vivir aquí se ten que ir traballar a Lalín cada día. O traballo ten que estar aquí e os servizos tamén. E non se trata de ter un bar en cada porta. Mira, agora por exemplo, estou falando contigo e isto vai máis ou menos ben, pero hai unha chea de veces en que quero facer unha videoconferencia… (Imaxe conxelada. Silencio. Xusto neste momento da conversa cólgase a conexión. Verídico).

(Pasan uns minutos) Avelino, óesme?

Non escoitaches nada do que dixen? (Risas)

Cortouse xusto cando me dicías que agora estaba indo ben a wifi, pero que non era o habitual (risas)…

(Risas) Pois xa ves, iso quería dicir! Isto non pode ser! E iso que eu vivo nunha aldea por onde pasa unha estrada da Deputación, grande, pintada, dous carrís, non é das aldeas máis apartadas que hai. E aínda así, xa ves… Pasando este tipo de cousas non podes ter unha empresa. A min aféctame coas vacas e as miñas irmás, se cadra, querían ter unha empresa asentada no rural e traballar dende aquí, pero se non vai internet iso é imposible.

E iso non ten solución?

Debería, con fibra ou co que sexa. Con servizos e con traballo, o rural reviviría. Habería que calcular o custo e buscar un equilibrio, pero poderíase conseguir. Mentres non se cree aquí riqueza, oportunidades e se dote de servizos, poden facer o que queiran que a xente non vai vir.

E coa xente virían os cativos. Cantos rapaces había na escola cando estudaban aí os teus pais?

Cando abriron o Grupo de Vilatuxe meu pai foi alá con 6 anos e eran 320 rapaces. Meu pai ten agora 54 anos e nesa mesma escola, collendo a mesma zona ou ata un chisco máis, hoxe deben de ser 70. É moi triste, na miña aldea aínda non hai moitas casas deshabitadas, pero ás veces vas a lugares de sete casas e cinco están baleiras. Sitios preciosos, casas de pedra, casas boas, non desas que están caendo, a carón do río… e todas pechadas.

Esa tendencia a marchar e pechar nunca foi contigo, tiñas claro dende pequeno que te querías dedicar ás vacas. Non houbo ningunha tentación de astronauta ou cantante?

Cando escoito a alguén dicir que non atopa nada ao que dedicarse, que non hai nada que lle apeteza, non o entendo, porque a min gustaríame ser moitas cousas. Teño claro que na miña casa as vacas sempre as vai haber, pero encantaríame ser profesor, actor, veterinario, médico… estudaría moitísimas carreiras. Cando estaba facendo unhas prácticas ía vender produtos á feira “señora, mire o que teño…” e xa me gustaba; aquí facemos recreacións históricas, actuacións… calquera cousa que me digas “atreveríaste a facer isto?”. Todo me fai ilusión, a todo me apunto. Gustaríame exercer moitos oficios. Faríanme falta unha morea de vidas.

Xa eras así de atrevido de neno?

Ufff… Fun terrorífico, a miña nai e a miña avoa merecen o que non está escrito. Era o demo. A miña avoa di que polo menos era nobre. Non era nobre, era parvo. Porque aínda por riba eu non negaba nada, eu viña e dicía “fixen isto”. Por iso me querían os veciños, se cadra ía á casa dun veciño, facíalle unha trasnada grandísima e despois volvía para contarllo. Cando era pequeno a aldea era toda miña. Con cinco ou seis anos eu collía a bicicleta, marchaba e ninguén sabía de min. Entraba nas casas todas, era o fillo de todos, entraba nas habitacións, onde fixera falta, a vergoña non sabía o que era. Unha vez abrinlles ás vacas na casa dun veciño, ceibeille os becerros todos, cheguei á casa todo cheo de merda. Outro día metéuseme na cabeza coller un fouciño, cousas que se se fan agora veñen os Servizos Sociais por min, e alá se me ocorreu ir chapodar unhas silvas. Acabei cortando un tendón dunha man, cheguei sangrando e co dedo colgando. Como cambiaron as cousas. Se pasa agora, que andamos con tanto coidado cos nenos… un día a miña avoa quedou na casa soa comigo, cando tiña dous anos; ela tiña que facer o xantar e eu non paraba de fuxir, de abrirlle a cancela, marchaba, enredaba… e prendeume cunha corda por unha perna. (risas) A ver, deixoume corda longa, no cuberto, levoume os xoguetes e quedei alí preso. E non me fixo mal ningún.

Estacoute!

Claro! A pobre da muller tiña que traballar e non quería que me pasase nada malo. Eu escapáballe entre as vacas, unha vez quedei atrancado nun buraco durante dúas ou tres horas, que nin para adiante nin para atrás, e non quería chamar por se me berraban. Pois alí estiven ata que me atoparon. Un cento de trasnadas. Un cento.

Así é que non me estraña que antes dos tres anos xa sacases a túa primeira vaca a concurso…

Saquei! Pero aínda nunca contamos a historia toda. Cando es así de pequeno hai que ir cun adulto acompañando. E eu que non, e que non, e que non, que tiña que ir só. Así foi que a becerra arrancou comigo a rastro, pero eu co orgullo non soltei a corda. Así fun pola area adiante, coa xente maior “que o mata, que o mata, solta a corda, neno!”. Eu acabei coa cara esnafrada, coas mans queimadas, pero a corda non a soltei.

Foi o primeiro dunha chea de concursos ata chegar a ser campión europeo. Cantos trofeos e medallas tes na casa?

Nin collen na parede, nin na oficina, están todos gardados en caixas, pero máis de cen seguro. Lembro sobre todo os importantes, os nacionais, os europeos…

Un deses últimos certames europeos celebrouse en Libront (Bélxica) e houbo moito debate entre os xuíces. Por que te cambiaron de posto varias veces?

Foi raro, poucas veces bailei tanto nas posicións. Ao principio puxéronme de primeiro, despois cambiáronme a segundo e finalmente quedei terceiro. A becerra púxose algo nerviosa, seguramente eu tamén… e foi así.

Pero ti non dis que che gustan as becerras con nervio?

Para cando é o concurso delas si, locen moito máis á hora de valorar morfoloxicamente o animal. Cando é concurso de manexadores prefiro unha becerra máis tranquila, permíteche facer mellor os movementos.

Porque hai dous tipos de concurso: un coma o das misses, onde se mide só a “guapura” da vaca, e outro para valorar as habilidades do manexador, máis de a beleza está no interior…

Claro (risas), aí non valoran o animal, aí valórante a ti. Trátase de botarlle horas. Primeiro valas lavando, despois valas pelando, hai que medirte tamén con elas na forza e ilas domando, coma un cabalo para empezalo a montar.

Aquel concurso de Bélxica acabouno gañando un suízo, quédanos o consolo de que se cadra aínda se apelidaba Loureiro ou Meixide…

(Risas) Si, si, podería ser…

Se en Francia o sector gandeiro se pon en contra dun ministro é quen de facelo dimitir. Xa ten pasado. Aquí os gandeiros xa ves que nos podemos poñer coas pernas para arriba e para abaixo

Estes certames internacionais danche a oportunidade de poder observar como se vive a gandaría e a agricultura noutros países. Que diferenzas notas?

Os gandeiros de Alemaña, Suíza, Bélxica e algún país máis son gandeiros porque lles gustan as vacas e non os tractores. Gústalles ter boas vacas, ser o máis profesionais posible e están moi orgullosos da súa profesión. E a sociedade valóraos moito. Se en Francia o sector gandeiro se pon en contra dun ministro é quen de facelo dimitir. Xa ten pasado. Aquí os gandeiros xa ves que nos podemos poñer coas pernas para arriba e para abaixo que non somos capaces case de facer nada, e moito menos que dimita un ministro. En Alemaña e en Suíza tamén teñen esa forza. E todo vén do orgullo.

Iso no que respecta á actitude do gandeiro. E no que respecta ás políticas de Estado?

En Francia, por exemplo, teñen as cámaras agrarias, que aquí xa non existen. Tamén teñen grupos de desenvolvemento de gandeiros onde entre eles levan as contas e supervisan a actividade. As asociacións dos gandeiros inxéctanlles liquidez e fan que funcionen. Lévanlles asesoramento en reprodución, apoio técnico e de todo tipo. E son cousas que pon en marcha o goberno. En canto ao tema das incorporacións, aquí pódese incorporar calquera, abonda con que estea cinco anos pagando o agrario. Alí esíxenche uns estudos mínimos na actividade á que te queres dedicar, se non os tes non che dan a incorporación. Son requisitos que me parecen ben e que marcan a diferenza.

Son pasos que ti xa seguiches aínda que aquí non sexan imprescindibles. Acabaches o ciclo superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal. Na formación está unha das claves do profesionalismo definitivo do sector?

Sen dúbida. Coma en calquera outra carreira. Non se entende que poidas exercer outra profesión sen ter a formación axeitada. Iso estase empezando a ver sobre todo nestas últimas xeracións. Os novos que nos estamos quedando coas explotacións somos poucos, pero realmente gústannos as vacas. Estamos moito máis preparados e estamos nesta profesión porque nos encanta. Foi algo que eliximos.

A túa formación incluíu estadías noutros países, coma o Canadá. Que aprendiches da experiencia, que foi o que máis che sorprendeu?

Voucho resumir moi fácil: todo o que estivemos falando dos países europeos, pero levado ao extremo. Alí un gandeiro peta na mesa e é un señor, é dios. De xeito esaxerado. As fillas dos gandeiros son como é aquí a filla da Preysler. Os rapaces din “meu pai é gandeiro” cun orgullo… poñen eses seus cintos coa camisa por dentro, porque alí van á corte en camisa, nada de roupa de faena, poñen o seu gorro, as súas botas… e así van polo centro de Quebec. Ti se vas polo medio de Madrid en plan cowboy rinse de ti. E eles van por alí en plan “apartádeme de aí que vai pasar un gandeiro”. Parece mentira pero é verdade. Eu quedaba parmado. Cando é dos concursos adoita facer falta man de obra para facer noites e traballos complementarios. E víñano facer estudantes, que estaban desexando ir axudar polo que lle pagaran. Se eu lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro. Se non me cospen na cara rinse de min.

Foi alí onde empezaches a ver a importancia da mellora xenética?

E moitas outras cousas. Cada día a eficiencia prímase máis. Estamos nun mercado moi competitivo. Pertencemos á Unión Europea, un mercado libre que produce máis barato ca nós e sobrevivir aí pasa pola eficiencia: vacas que duren máis anos, que enfermen menos e que preñen ben todos os anos. Para conseguilo hai dous factores: o benestar animal e a xenética. Faime graza que os animalistas nos acusen de maltratar as vacas. Alguén que diga iso está na ignorancia absoluta. Se eu non coido ben a miña vaca e non lle dou de comer e a trato mal, non me dá leite; se non me dá leite non teño ingresos; e se non teño ingresos, non teño cartos e teño que pechar. Pode haber algúns tolos que maltraten as vacas? Algún hai, de acordo. Tamén hai tolos que por desgraza maltratan mulleres ou nenos e non por iso toda a sociedade é maltratadora nin todos os curas son pederastas. As vacas precisan de moitos coidados: precisan dúas muxiduras ao día, que lles controles a febre cando paren, un benestar, que lles controles os celos, estar pendentes dos partos. Porque se non, non dan leite. Os maiores interesados en que estean ben somos nós. No benestar e na xenética está a clave.

Como se conxuga a eficiencia e a produtividade coa cada vez maior demanda de vacas de pastoreo e non estabuladas?

Teñen que darse varias circunstancias. A primeira é que a xente ten que valorar ese produto. Sacar as vacas cada día ten un custo moito maior ca telas na corte. A segunda: vivimos en Galicia, para o bo e para o malo. En Francia, en Alemaña ou no Canadá poden sacar as vacas ao pasto porque ao redor de cada corte hai 40, 50 ou 60 hectáreas de prado. Aquí tes unha con sorte e as vacas polos camiños non fan nada. Para facer iso aquí o terreo tería que estar ordenado. A terceira: se vén xente nova, non vai andar atrás de seis vacas nun prado. E a cuarta: que as vacas estean en pastoreo non sempre quere dicir que estean mellor. En moitos casos hai cortes onde están mellor ca fóra. Faime moita graza cando hai xente que che di que hai que sacar as vacas da corte, cortes onde están ben, onde teñen para andar, que non están na cadea, e despois esa mesma xente ten o can no piso, vísteo e ten que levalo ao psicólogo (risas). Máis felices están os meus cans que andan pola eira e non teñen que ir ver o psicólogo, que hai psicólogos para cans!

Agora que falas de valorar o produto. Sexa de pastoreo ou non, o prezo do leite sempre estivo no centro do debate. Periodicamente hai protestas, manifestacións, tractoradas, gandeiros tirando o leite das cisternas, queixándose de que teñen que vender o litro por baixo do custo de produción… Que arranxo ten isto?

Respecto do prezo mínimo, unha das cousas das que sempre se fala: se queremos estar na Unión Europea, recibir as axudas da PAC e as axudas agrarias, non podemos fixar un prezo mínimo de leite, porque a UE non o permite. Para os gandeiros son tan importantes ou máis as Eleccións Europeas cás Xerais porque dependemos ao 80% do que deciden alá. Se queremos plans de mellora, subvencións e todas as vantaxes non se pode intervir o mercado. As regras do xogo son esas. Se se queren cambiar habería que valoralo. Hai que saber se queremos estar na Unión Europea ou non, eu non vou entrar niso. É como xogar á Oca, tes que saber que se caes na caveira vas para a casa. Outra cuestión importante é que en Europa hai cinco ou seis cooperativas. En Irlanda, unha única cooperativa, que é propiedade dos gandeiros, manexa máis cantidade de leite có que producimos todos os galegos. E só na Comarca do Deza hai seis. Así é que aquí a maioría das cooperativas convertéronse en almacéns para vender penso e mineral. Tiñamos que ter unha unión forte que se dedicara a vender o noso produto e a darlle valor engadido. Debemos ter presión de mercado e iso só se consegue se tes unida a produción nunha única cooperativa que sexa propiedade dos gandeiros e que a final de ano aínda poida repartir beneficios. Pero aquí iso non pasa.

Avelino Souto, na portada da revista Frisona

E por que aquí non pasa?

(Silencio) A ver, eu teño só 21 anos… e hai moitas cousas que non sei e que acabarei sabendo. Pero non pasa porque… é bastante triste o que vou dicir, pero persoalmente creo que aquí a maioría das veces non se fai así por temas políticos. Tamén por motivacións persoais, de que ninguén quere ceder. Pero, sobre todo, por temas políticos. En Galicia tivemos uns sindicatos, tanto do PP coma do PSdeG coma do BNG, dá igual, que sempre se dedicaron a mirar polos intereses do PP, no caso de Xóvenes Agricultores, do PSdeG, no caso de Unións Agrarias, ou do BNG, no caso do Sindicato Labrego Galego. Isto é unha realidade e agora sábese: cada un dedicouse máis a mirar o político có interese dos gandeiros. Cada cooperativa tamén se arrimou cara onde máis próximo se sentía ideoloxicamente e todo iso dividiunos.

Cres que ten solución?

Creo que pode ter solución, pero non a curto prazo.

Antes falabas da eiva da ordenación do territorio, outra vez ese carácter minifundista. Que tería que pasar para arranxar iso dunha vez por todas?

En Galicia temos un problema coa ordenación territorial. É evidente. Temos minifundios e todos queremos facer o que nos parece. Habería que reordenar as zonas gandeiras. No Deza, por exemplo, non ten sentido que estean sen ordenación parcelaria moitas das aldeas de Lalín, un dos concellos con máis vacas de Galicia. Habería que buscarlle unha solución aos que se queren dedicar ao agro e onde non haxa gandaría nin agricultura fomentar o forestal. Hai terras que non se sabe nin de quen son.

Iso depende máis da vontade política ou da propia sociedade?

De ambas.

Agora que falas do forestal. Un rural ordenado e rendible canto podería axudar na sustentabilidade ambiental, nas medidas contra o cambio climático, na loita contra os incendios?

O 100%. Terra traballada e monte coidado non arden. Aquí na miña aldea nunca arde. Porque o monte está limpo porque hai quen traballe nel e as terras están traballadas. Tan simple coma iso. E canto máis ordenado estea o territorio e máis dispoñibilidade de terra haxa, máis sustentables serán as explotacións. Para que unha granxa sexa sustentable ten que haber terra. E terra haina. O que hai é que poñela a disposición de quen a precise.

Despois de catro xeracións á fronte dunha granxa, como decidiches que había que pasar de ter unha granxa a ter unha empresa?

Os gandeiros temos que vernos como empresarios. O volume de cartos que movemos é o dunha empresa. Pero isto non é traballar con botellas nin con caixas. Traballamos con seres vivos. Cada vaca ten un nome, unha historia, un número, pásanlle cousas, non hai unha rutina coma nunha fábrica. Cada día é distinto e nunca lle podes dar a un botón e deter a produción. Así que hai que ter unha mentalidade empresarial en canto á contabilidade, á fiscalidade e aos recursos humanos, pero seguimos sendo agricultores e gandeiros porque traballamos con seres vivos.

Que che dixeron os teus pais cando viron que a túa intención era quedar na aldea?

Non querían que o fixese, preferían que estudase. “Marcha de aquí, vaite por aí adiante, vive outra vida”. A miña nai se mañá lle digo que non quedo coas vacas leva unha alegría.

Que oíches máis veces na túa casa: “non te dediques ás vacas” ou “non te metas en política”?

(Silencio) Non te dediques ás vacas. O da política non se falou ata o ano pasado, cando lles dixen que ía ir na lista con Crespo (Xosé Crespo, alcalde de Lalín, PPdeG) para as municipais. Aí si me dixeron “pénsao, é mellor que non sei que…”, pero foi un día e nada máis.

Avelino Souto, na súa toma de posesión como concelleiro en Lalín

Que fixo que che apetecese dar ese paso e empezar nesta aventura?

Como ben che dixen antes, a min dinme que me meta nalgo e eu vou para adiante. Foi como unha roda. O de ir na lista penseino un pouco máis.

Por que nese proxecto en concreto?

Realmente, aínda que as miñas ideas vaian se cadra algo máis cara a dereita, o inicio foi por Lalín. No seu día non estiven totalmente de acordo con Cuíña (Rafael Cuiña, ex-alcalde de Lalín, Compromiso por Galicia). Tendo unha boa relación con el, discrepei nalgunhas cousas que fixo e quixen apoiar a Crespo, naquel momento na oposición, que é cando máis axuda precisas, sobre todo de xente nova, e sen saber aínda se el sería novamente candidato. Todo foi indo así.

Sempre se di que nas municipais pesa máis a persoa cás siglas…

Eu non teño ningunha dúbida de que aquí as siglas son o que menos importa. Pasoume con veciños que sei que teñen outra ideoloxía distinta do PP, pero que nas municipais o votaron porque me presentaba eu. E así mo dixeron. Se cadra na Coruña ou en Vigo non é así, pero aquí vótase máis polas persoas ca polas ideoloxías.

Tanto é así que lle dirías a Crespo que si, aínda que militase noutro partido?

Se seguise sendo o Crespo de agora, defendendo as mesmas ideas e proxectos, si iría con el, aínda que fose baixo outras siglas.

E agora, con 21 anos, es concelleiro de Agricultura, Deportes, Feiras e Xuventude. Que tal o levas?

Lévoo ben, pero tamén hai cousas que non me gustan, se che son sincero.

Que é o que non che gusta?

Non me gusta que parece que esquecemos que ao final todos somos persoas. Non me gusta a nivel local nin a nivel autonómico nin a nivel nacional. Creo que a política se está deshumanizando un pouco. E, ás veces, movémonos en termos, en formas e en acusacións que eu non comparto e non fago. Ou intento non facer, aínda que ás veces me acenda. Estásenos indo a man nese aspecto. E preocúpame que iso se estea contaxiando á sociedade. Teño amigos cos que xa nin podo falar de política. Acabamos enfadados entre nós e non quero discutir. Xente que nin sequera se dedica á política, non lles vai aí o traballo, aínda que a política nos afecta a todos dende que nacemos. Unhas formas, uns insultos, ás veces entre xente que nin se coñece. Estamos todos cada vez máis irascibles. Dáme a sensación de que antes a política non era así.

Iso quere dicir que se cadra non repites nas vindeiras municipais?

(Risas) Uuuuui… O que si che podo asegurar é que eu teño claro o meu futuro, que é seguir coas vacas para sempre. Do outro quedan tres anos.

Que prefires, tratar coas vacas ou tratar cos políticos?

Coas vacas! Hai xente que non me cre, pero xa o acabarei demostrando.

E iso que xa deberías ir adestrado, porque dis que cada vaca ten a súa psicoloxía, que hai que saber tratalas porque non hai ningunha igual á outra, como as persoas…

Cada vaca é completamente distinta. Hai vacas das que me fío e sei que non me van facer nada, que aínda que me poña diante delas e lles faga ruídos non se van asustar e, se llo fago a outra, mátase a correr. Á sala de muxidura van de tres en tres e sei cal quere ir diante porque se non vai diante xa non se moxe a gusto, cada unha ten as súas cousas.

As súas cousas e o seu nome… cando eu era pequena aquí as vacas chamábanse Pinta, Moura, Paloma, había tamén algunha Margarita, coma min. Pero estou vendo que a túa última vaca campioa chamábase Edurne Máximus, outra Diana Altamazing e outra Impresión. De onde sacades os nomes?

(Risas) Todas teñen tres nomes. O primeiro é o da granxa á que pertencen, no noso caso Midón. Despois eu póñolle o seu nome, Edurne ou Xuliana, e o Altamazing ou o Máximus é o nome do pai, que normalmente son de Estados Unidos ou Canadá. Edurne pola cantante, cadroulle así, pero hai de todo. Temos unhas que son de embrións e puxémoslles o nome das miñas irmás e de deusas clásicas: Artemisa, Hera, Atenea… outras porque hai xente que che pide que lles poñas o seu nome, coma unha amiga miña que se chama Nagore e púxenllo a unha becerra. Marga, ti queres unha? Non hai problema!

Home claro! Pídome unha! Ponlle Marga ou Margarita, o que che guste máis…

Cando tiña 5 ou 6 anos xa tiveramos unha que se chamaba Margarita. Así que agora teremos outra.

Xenial, irei a Midón facer unha foto con ela. Fálame agora desa experiencia que tiveches con CocaCola, o proxecto GeneradorES, no que xuntaron 25 rapaces, todos con grandes habilidades nos seus campos, e alí fuches ti tamén. O reto era escoitar as vosas ideas para cambiar o mundo. Como foi aquilo?

Si, é tal que así. Teño que dicir que houbo un momento, cando vin os perfís da xente que ía, en que pensei “pero que pinto eu aquí?”, porque creo que todos os meus compañeiros estaban moi por riba de min. Tal é así que a catro dos meus compañeiros, dos que dous son médicos, homologáronlles os respiradores que foron agora ao Hospital da Paz. Cando vin a noticia e a pasaron polo grupo alucinamos todos. Aqueles rapaces que estiveron alí comigo fixeron algo tan grande. Aquela experiencia foi tan divertida coma dura. Tal e como te recibían, a música, a casa, con xente que te motivaba, as gaiolas de pensar… realmente parecía que iamos cambiar o mundo. Propuxemos varias ideas, algunhas viables e outras pode que non tanto, pero estivo ben que nos escoitasen, que quixesen escoitar a xente nova de moi diferentes ámbitos, dende un agricultor humilde, un gandeiro coma min, ata unha rapaza que estaba no Reino Unido traballando nun laboratorio de biotecnoloxía ou estes médicos dos que che falo e que xa daquela, con 24 anos, estaban traballando en investigación.

Puxéronvos retos para intentar mellorar a sociedade en varios aspectos, como por exemplo a educación, a que conclusión chegastes?

O máis importante do que se falou era de que deberiamos ter un criterio. En moitos aspectos a educación non é a suficiente, cada vez temos máis faltas, e falaramos de como modificar a formación sobre todo nos primeiros anos de ensino, onde se deben fixar ben os conceptos máis básicos, sobre os que empezar a construír. Tamén quedou moi claro que o proxecto educativo non pode cambiar segundo a cor política que estea no goberno en cada momento.

Tamén propuxestes cambios na política?

Ese foi o grupo no que máis estiven. Estabamos todos de acordo en que vivimos nunha política que deixa fóra a xente nova. Tamén vivimos nunha política efémera, de ver quen saca máis votos, que é lexítimo, pero iso vai en contra dunha política de país, de crear futuro, unha política a longo prazo, propostas a 12 ou 15 anos, porque non interesan, non xeran noticias e non saen nos medios. Tamén se criticara a lei electoral e o funcionamento a base de chantaxes para conseguir o que lle interesa ao teu partido ou ao teu territorio sen pensar en global. Como se vai aprobar un programa educativo duradeiro se non damos sacado adiante nin uns presupostos? Non pode ser que se é o PSOE o que goberna, toda a oposición vote en contra, sexa cal sexa a proposta. E ao revés igual.

Que ninguén teña ningunha dúbida de que as mulleres foron as que aguantaron do agro en Galicia. Elas eran as que criaban os fillos, as que muxían as vacas e as que aguantaban o rural

Nese proxecto erades 15 mozas e 10 mozos, maioría feminina. No sector agrario houbo moitas mulleres que traballaron tanto ou máis cós homes e os seus nomes nunca figuraron nos papeis, non eran donas de nada, nin tiñan dereito a unha pensión acorde co seu esforzo. Iso está cambiando?

Que ninguén teña ningunha dúbida de que as mulleres foron as que aguantaron do agro en Galicia. Elas eran as que criaban os fillos, as que muxían as vacas e as que aguantaban o rural. Os homes que non emigraban dedicábanse a outras cousas. Na época do meu pai as mulleres seguen criando, seguen muxindo e seguen traballando, os homes xa están máis con elas, pero as decisións importantes na maioría dos casos séguenas tomando eles. Aínda é raro ver mulleres de 50 anos que teñan home e sexan elas as que manexan. Na miña idade xa coñezo gandeiras que teñen decisión e mando. Xa hai moitas que están elas á fronte.

Cando saes ao estranxeiro tamén o notas?

Fóra hai moitas máis e, ademais, son máis visibles. As gandeiras de aquí saen pouco da casa. No estranxeiro a gandeira vai aos concursos, ás charlas, ás xornadas formativas, cousas que aquí, se hai home e muller na casa, vai o home. De feito, nos concursos, por Europa adiante ata hai máis mulleres manexadoras ca homes.

Rompiches moitos estereotipos: es un gandeiro novo, nunha profesión en que a media de idade é alta; es un gandeiro formado, algo que ata hai pouco non era o máis habitual; e es un gandeiro instagramer, con case 4.000 seguidores en Facebook e máis de 1.600 en Instagram… pero se acabo de verte nun vídeo entrando na corte a cabalo dunha vaca!

(Risas) Gústame que a xente o vexa e fale, aínda que sexa para dicir “mira este tolo”, pero xa o viu, xa lle quedou na cabeza. Gústame poder utilizar as redes como escaparate para dar unha imaxe positiva do sector, de que hai outro xeito de ser gandeiro. Temos cousas moi positivas e gústame que se vexan. Os galegos somos bos produtores pero vendémonos fatal. Fatal. Hai que cambialo.

Notas rivalidade entre rural e urbano?

Noto que ás veces algúns da cidade nos miran con algo de desprezo, como se fósemos incultos, como se falar galego fose menos. Pois si: son da aldea, son gandeiro, falo galego e son do PP, e cal é o problema? Os máis novos do rural si que temos, se cadra, algo máis de competencia co urbano, competencia no sentido de que vivo mellor cós da cidade e que me digan misa. Vivir na aldea e ter vacas non só é ter vacas e vivir na aldea. Eu como tomates, pementos, patacas, todos os produtos de tempada, aquí matamos o porco. As miñas irmás dinme que son peor ca un avó, pero eu valoro moito iso de que nos xuntemos os veciños para ir botar as patacas, despois para facer a matanza, dende primeiros de novembro xa son catro fins de semana xuntos entre a mata, a salga… despois xuntámonos para ir esfollar o millo. Vas por Lalín e ninguén sabe se está o veciño na casa. Aquí vas de casa en casa, entras pola porta, non hai nada pechado, vén un veciño e chégache á cociña e esa unión valóroa moitísimo. Na cidade non a hai.

Como dis ti: pero se os tractores xa van a 70km/h e nas cidades non poden pasar de 30…

(Risas) E é verdade! Mira como cambiou o conto! Agora por Madrid van os coches a 30 e en Lalín os tractores pasan todos de 60km/h… E non só iso, cal é a diferenza entre un neno da aldea e un neno da cidade: nós estamos preparados para a supervivencia. Nós subiamos ás árbores, colliamos a bicicleta e desapareciamos no monte, entrabamos dentro das minas, caías, teño a cabeza aberta por tres sitios, estou esnafrado perdido, andabamos na terra, cheos de merda ata as orellas todo o día. Un neno de cidade coñece a consola, vai un pouco ao parque e pouco máis. Xogabamos na lama cos paus, faciamos casas, un cento de cousas. Hai que recoñecer tamén que un neno da aldea traballa: se vas botar as patacas, un neno pode botar o mineral e pode botar a pataca tamén. E cando vas apañalas, en vez de ir cun cesto grande vai cun caldeiriño pequeno, pero apaña. E se había que ir tornar das vacas nun cruce, con cinco ou seis anos xa ías, aínda que fora para poñerte diante, cunha vara tres veces máis grande ca ti. Esas cousas un neno da cidade non as ten.

Escoitándote falar, entendo que educarías os teus fillos dese mesmo xeito?

Encántanme os nenos e encantaríame ter fillos e mentres eu decida por eles, que se rebocen na merda e que vaian e veñan. Teñen prados e leiras abondo para correr. A min no verán cambiábanme de roupa tres e catro veces no día. Ás doce da mañá xa non valía para ir xantar.

Serás consciente de que se queres ter parella terá que ser unha persoa que o vexa igual…

Hoxe vivir no rural non é coma antes. A miña parella pode ser profesora ou médica ou calquera outra profesión e vivir aquí. O único innegociable é que me quero dedicar ás vacas e vivir na aldea.

Tamén cambiou a calidade de vida. Antes un gandeiro non sabía de vacacións, de fins de semana, de marchar todo o día para ir a unha voda…

É verdade. Meus pais non marchan un mes nin 15 días, pero si poden ir de viaxe de cando en vez. Poden descansar. Se hai un evento poden ir. Vaste sempre con esa preocupación porque traballas con animais, non son mercadoría que pechas nun almacén. Pero podes ir. A miña avoa nunca saía de aquí: tiñas as vacas, a taberna, os porcos, criaba os fillos, quedou viúva moi nova. Aquela vida era moi dura. Iso agora non pasa, pero segue sendo unha vida atada. Coma outras, eh? Cando che din “tes que traballar a fin de semana”… e un médico? E un taxista? E un camareiro? Que aínda por riba teñen que aturar borrachos ás seis da mañá porque ás veces os clientes somos uns pesados. Quen está peor? Eu, que un sábado ás nove da noite acabei de muxir e podo saír cear, ou ese camareiro?

Avelino: somos tribo?

Sen dúbida. Hai algo que me dá moitísima pena porque se vai perder. Dentro de 40 anos quen vai saír na TVG? Eses vídeos deses señores e esas señoras que me encantan, o que lle quitou a escopeta ao ladrón “pero ti ghelipollas, que che meto unhas hostias” ou aquela señora á que se lle puxo diante un exhibicionista e dicía “viña cos pantalóns embaixo de todo e cuns calzoncillos lindísimos” (risas), esa xente que é coma a da miña aldea, con palabras que se acabarán perdendo, as súas frases, eses refráns, que eu intento ir gardando para seguir dicíndoas e pasándollas a outras xeracións. Cómpralle a quen herdou e non a quen traballou. Que verdade é esa. Tanto pelexar polos marcos, tanto esforzarse por facer unha casiña de pedra… e agora veñen moitos fillos e non valoran nada. Eu doulle moito valor aos recordos, porque os teño e porque mos contaron. Creo que nas cidades se vai perdendo esa esencia, a verdadeira esencia de Galicia, o rural. Sen dúbida ningunha, somos tribo.

AVELINO SOUTO, en poucas palabras

  • Con quen che gustaría ir de cañas ou saír de copas? Cos meus amigos máis cercanos.
  • Unha data especial para ti. O 16 de outubro, foi o día que fun campión de Europa por primeira vez.
  • A túa comida e bebida preferidas. O polo vello á cazola que fai miña nai na cociña de leña con patacas redondiñas. E a bebida… a auga do picho que hai aquí preto! (risas).
  • A túa película preferida. A película que máis veces vin cando era neno é Spirit, a do cabalo, pero se teño que dicir a favorita sería algunha que me toca os sentimentos, La vida es bella ou El niño del pijama de rayas… as que che moven a conciencia.
  • Unha serie. Juego de Tronos.
  • Un libro que te marcou. Acabo de ler agora mesmo Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, que aínda non o lera. E marcoume Os fillos do mar, de Pedro Feijóo, que conta a historia dun home das Rías Baixas que na época franquista axudaba a xente perseguida a fuxir. Lino cando estudaba e marcoume moito, quedoume aí. Pero se teño que dicir un especial de sempre para min sería Memorias dun leno labrego, de Neira Vilas.
  • Unha canción. Calquera canción popular galega que a escoitas e xa te pos a cantar, A saia de Carolina, Pousa, pousa…
  • Un grupo ou un/unha cantante. Leiva.
  • Se non foses gandeiro serías… médico ou profesor.
  • Un recuncho de Galicia para perderte. Laxe.
  • A túa persoa favorita? Miña nai.
  • De que persoeiro famoso es moi fan? Mireia Belmonte.
  • Unha viaxe por facer. Quero ir aos campos de concentración nazis.
  • Que ou a quen levarías a unha illa deserta? A miña nai e os recordos.

  • A túa peor manía. Son moi testán, cando teño unha idea vou con ela aínda que pete contra unha parede e sempre quero ser o mellor en todo o que fago; son moi competitivo, ata a cousa máis pequena quero facela perfecta. Antes de ir durmir, todas as noites, teño que comer chocolate e nunca saio da casa sen tomar medio litro de leite á mañá e outro medio litro á merenda. Se saio, antes de deitarme teño que ir á corte e ver que as vacas están ben. Se estou na casa non o fago, pero se saio non podo ir durmir sen mirar.
  • Se arde a túa casa, sen contar as persoas, que salvarías? Se é da granxa, as vacas. Se é só da casa, os recordos. A miña avoa sempre di que mentres alguén se lembre disto, isto nunca morre.
  • Un vicio. Encántame comer fóra, pero non falo de restaurantes, senón na casa dun veciño, dun amigo…
  • Un pecado/delicto confesable. Trasnadas teño mil… escaparlle cun año a unha veciña, mollar xente, cousas así.
  • Un soño ou pesadelo recorrente. Soñei unha vez, e xa me quedou aí, que paso por morto, poñen todas as esquelas, vén xente á casa, escoito o que din, encantaríame facelo. Ese é o soño porque acaba ben, ao final estou vivo. O meu peor pesadelo é que que no saneamento me atopen algunha vaca enferma.
  • Un arrepentimento. Algún si, pero que se poidan contar…
  • Un sentimento. Non sei se é un sentimento, pero a nobreza, a autenticidade, a paixón.
  • Unha palabra en galego… Fiestra, pola impresión que lle causou a unha xente de fóra cando dixen “ghindouse pola fiestra”, fíxolles moita graza, pero teño moitas: encántame alborexar, fouce… as variantes dialectais marabíllanme. Cando estudei vivía cun de Vilariño de Conso, outro da Mariña, outro da Coruña, na nosa clase había un de Tui e viviamos en Coristanco! Ao final eu xa falaba con todos os seus xiros mesturados.
  • Praia ou montaña. Montaña.
  • Un lugar para vivir. Lalín.
  • Un desexo. Ter as mellores vacas de España e ser o mellor gandeiro de España.

Reflexións de AVELINO SOUTO sobre…

Feminismo

Creo que é necesario e gustaríame que puxese en valor o traballo das mulleres rurais que fixeron país sacando familias enteiras adiante mentres traballaban na súa empresa. Unha muller como a miña avoa, se cadra, non é tratada como feminista e para min non hai mellor feminista ca ela. Mulleres loitadoras que xa exercían ese feminismo que a día de hoxe segue sendo tan necesario.

Inmigración

Se a xente emigra non é por gusto. Todos somos humanos. Antes tocounos a nós e non sabemos o que nos pode pasar no futuro. Ninguén deixa a súa casa e a súa vida por gusto.

Política / Políticos

Creo que nos falta ser máis humanos e máis leais. A xente xa ten bastante confusión, e cada día recibe máis fakes. Teriamos que ser máis leais coa verdade. Respectar a realidade e non darlle distintas visións. É un xogo moi fácil de facer, pero temos que evitalo. 

Monarquía

Considero que temos unha forma de Estado de monarquía parlamentaria que hai que respectar. Son as regras de xogo que temos porque se decidiu no seu día. Se chega un momento en que hai un consenso para cambialo, buscarase outra fórmula. Pero nestes momentos estou a favor do Rei.

Cambio climático

É unha evidencia, sen dúbida. E hai que mirar ben a quen se lle bota a culpa da contaminación. Paréceme incrible que haxa quen acuse ao rural de contaminar cando hai cidades en que case non se pode respirar. Todos temos que poñer da nosa parte e traballar da forma máis sustentable posible.

Aborto

Cada ser é libre de facer o que queira. Creo que hai medios suficientes como para que esa sexa a última opción e entendo que hai casos en que non queda máis remedio. Respecto todas as decisións. Totalmente a favor de que se decida con liberdade e de que cada quen faga co seu corpo o que considere.

Eutanasia

Totalmente a favor. A miña bisavoa viviu soa ata os 94 anos. Moi ben. Perdeu o sentido e veu vivir con nós. Seguía paseando, comendo e víase feliz. Perfecto tamén. Pero empezou a empeorar e os seus últimos días foron horribles, para ela e para nós. Chega un momento en que xa non hai nada que esperar. Sedeina eu mesmo.

Redes sociais

Son unha gran ferramenta de entretemento, de diversión, de información, de manterte en contacto cos que están lonxe e unha gran canle para chegar á xente. Pero tamén son moi perigosas: hai unha gran cantidade de contidos que non son reais e fanse pasar por información, despois a xente tolea, cada un interprétao á súa maneira e é moi difícil volvelo atrás.

Etiquetas AgriculturaClub de Xóvenes GandeirosGandaríaLalínRural

Entrevistas Relacionadas

Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”
Economía-Empresas

Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

por Xabier Colmeiro
25/06/2020
0

O móbil de Cristina Codesido Fernández (Padrón, 1974) protesta pola paréntese que abre na súa febril actividade para responder ás preguntas de somostribo. A xerente...

Ler máis
Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

16/06/2020
Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

11/05/2020

Copyright © 2020 wecom

No Result
View All Result
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
  • deporte
  • economía-Empresas
  • contacto

© 2023 JNews - Premium WordPress news & magazine theme by Jegtheme.