somostribo
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    Ramón Vilar: “O dos libros é coma o dos fillos: co primeiro estás aí pendente toda a noite a ver se respira e co segundo xa adormeces pensando que mal será”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

  • deporte
    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

  • economía-Empresas
    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

  • contacto
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Luís Zahera: “Cando me empezou a ir minimamente ben, pensaba: agora é cando me vén a de morrear. E non, nunca vén”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Juan Tallón: “En xeral nunca hai que estar tranquilos, sempre hai alguén que te está fodendo”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    Dani de la Torre: “Todo o mundo sabe de cine, de fútbol, de política, de neurociencia, de cambio climático, de robótica cuántica, de virus tropicais… pero cala a boca, hostia”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    David Perdomo: “Me encantaría entrar en el Parlamento de Galicia, romper todo a hostias, pegarle fuego a todo y, cuando vinieran a detenerme, decir: parad ahí, tengo guita para pagarlo”

    Ramón Vilar: “O dos libros é coma o dos fillos: co primeiro estás aí pendente toda a noite a ver se respira e co segundo xa adormeces pensando que mal será”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

    Xosé Antonio Touriñán: “Son máis moble do que a xente pensa. Un toxo. Iso son eu”

  • deporte
    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Adrián Alonso Pereira “Pola”: “Perdín moitas cousas polas lesións, pero ganei máis do que perdín. Ganei como persoa”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

    Verónica Boquete: “Crecín sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista era unha opción”

  • economía-Empresas
    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

    Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

  • contacto
somostribo
No Result
View All Result

Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”

"Os zocos teñen prezos moi axustados. Interésame o fondo da pirámide, non a punta. Os zocos saíron da xente humilde e teñen que seguir ao alcance da xente humilde"

por Xabier Colmeiro
11/05/2020
A A
Elena Ferro: “Meu pai e miña tía pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque cada vez usábaos menos xente”
Comparte en FacebookComparte en TwitterComparte por WhatsApp

Nunha terra na que se venera a música, o río e o entroido medrou unha mociña entre as ferramentas que lle dan forma aos zocos, o calzado dos sufridores durante décadas. No taller que xa puxera en marcha seu avó a comezos do século XX perfeccionaba as súas habilidades coa madeira e o coiro namentres, de feira en feira, se familiarizaba co trato coa xente. Non hai márketing coma o do boca a boca. Ata que un día se acendeu a lámpada da súa portentosa imaxinación e pintou uns zocos de cores. Non é que lle berraran os maiores, pero tampouco houbo aplausos e, moito menos, resultados. Habería que esperar anos ata que na casa do zoqueiro de Merza (Vila de Cruces, Pontevedra) volveran bulir para facer zocos, entre 7.000 e 8.000 pares ao ano. Aquela moza, unha mestura de artesá, feirante e publicista, é hoxe a abandeirada do zoco que latexa, do que xa pisa asfalto e pasarela e no que se conxuga tradición e modernidade. Elena Ferro Lamela (1975) deulle futuro e dignidade a un calzado rústico en perigo de extinción. A terceira xeración dos zoqueiros de Merza librou unha batalla psicolóxica contra o estigma daquel zoco vencellado á pobreza e a traballar coma un burro. Hoxe é un produto con encanto.

Ti viches vir isto que está pasando co virus?

Penso que non eramos conscientes cando viamos o que estaba pasando en China porque pensabamos que non ía chegar aquí. Xa cando chegou a Italia había máis posibilidades, pero ata a semana que empezou o confinamento non eramos conscientes da gravidade disto. E da mañá para a tarde ían cambiando as cousas. Penso que é necesario tomalo en serio porque a moita xente parécelle que non pasa nada, como se viu o primeiro día que saíron os nenos. Acostumados a facer o que nos dá a gana, a movernos con liberdade, pasar estas semanas na casa, que tampouco é tanto, fíxosenos moitísimo. O tempo pasa tan lento que parece unha eternidade, que a vida de antes onde vai xa. Eu intento sacarlle o lado bo, e iso que para o negocio está todo parado, pero o que temos que facer con estas cousas é aprender. Se se quere, pódese aprender moito, e valorar as pequenas cousas ás que non lle damos importancia a diario como un bico, unha aperta ou ver a xente que queremos cando nos dá a gana. Neste momento, teñen a máxima importancia. Hai que sacar o mellor, pensar en que hai que loitar sempre pola sanidade e a educación públicas, non pensar só nelas nestes días, e polos valores, as cousas máis pequenas ás que non lle damos importancia polo estrés na vida na que nos fomos metendo. Freamos de golpe e é un tempo para reflexionar e valorar estas cousas para cando volva a normalidade, que volverá. Eu son optimista.

Como capeades o parón na empresa?

Ata que haxa vacina non haberá liberdade total, por algún tempo será todo con restricións e a nós aféctanos nas feiras. Están todas suspendidas ata o verán e non sei como se poderá volver, pero é lóxico porque hai que evitar as aglomeracións. A saúde é o primeiro, o resto todo vai tendo arranxo. Sei que moita xente o está pasando moi mal economicamente e non é fácil, pero a saúde é o máis importante, e para iso temos que colaborar todos e tomar todas as precaucións. Eu teño a sorte de que estou na aldea; somos agora mesmo os privilexiados. Sómolo sempre, pero para os que non o vían así, agora daranse conta. Pasar isto nun piso pechado é moito peor que no campo, con espazo e aire libre. Na empresa estamos aí, a ver se aguantamos sen facer un ERTE, pensando máis na xente de fóra que traballa aquí que en nós mesmos, e haberá que tirar de aforros esperando pouco a pouco volver á normalidade. Pero iso é case o que menos me angustia porque se arranxa traballando. Serán momentos duros, as cousas non son coma antes, pero o que hai que ter presente sempre é a saúde.

Antes que zoqueira son feirante, aprendín a vender os zocos antes que a facelos

Lembras a primeira venta que fixeches?

Buf… Non. Fun desde moi nena á feira con meu pai (Alfonso) e miña tía Agripina. Antes que zoqueira son feirante, aprendín a vender os zocos antes que a facelos e é como se me preguntas cando deches o primeiro paso ou cando comiches a primeira goma de mascar. Recordo de sempre, á parte de xogar, de falar con todos e de pasalo ben na feira, que cando había apuro estaba no posto axudando, empaquetando ou o que fora. Supoño que sería na Bandeira, nas Cruces ou en Lalín e tamén recordo quedar soa no posto con oito anos no momento no que meu pai ía ao baño. Era responsable e gustábame quedar soa para sentirme a xefa (risas). E, se vendía, poñíame contentísima. Do que si me lembro é de quererme enganar algunha xente, como era unha nena, para quitarlle no prezo.

E tivo éxito algún deles?

Pasoume en Monterroso. Veu un rapaz, eu víao maior, igual de 20 e pico ou 30 anos, e preguntoume por unhas botas altas, das que non levan cordóns. Díxenlle o prezo, que eran 1.800 pesetas, probounas, e comentoume que meu pai, que saíra, un anaco antes lle dixera que llas deixaba en 1.600. Se cho dixo meu pai, ben dito está, pensei, e levounas. E cando volveu expliqueille o que pasara e que llas deixara en 1.600 pesetas. A meu pai deulle a risa e díxome: “Fíxoche a xogada para pagarche menos. Cando sexa así, dille que espere a que volva”. Apréndese moito nas feiras, é unha escola boa. Nós tiñamos sempre prezos fixos, a xente podía relear, era o habitual, pero os prezos eran os mesmos porque non era xusto que os levara máis baratos unha persoa que releara que outra que non o facía. Podías ter un detalle para o que compraba dúas cousas, pero sempre con prezos xustos.

Como non saíches música na terra da Artística de Merza?

Todos os da miña quinta, un pouco arriba ou abaixo, foron músicos; o normal era ir a música e eu unha vez merquei o caderno de pentagramas, pero non cheguei ir nunca. De pequena gustábame axudar na casa, estar no taller e fun de maior. A música gústame, toco o tambor e estiven nun grupo de música tradicional de Agolada, pero na Banda de Merza non toquei. Foi unha pena, porque si que me gustaría saber tocar algún instrumento á parte do tambor, pero as horas libres pasábaas no taller.

“Polo teu corazón”, a canción que che dedicou Sés, que che inspira?

Fomos parella catro anos e pico e dedicoume esa canción tan bonita. É moi alegre, un gustazo a verdade.

Non naciches cun pan debaixo do brazo, porque polo 1975 estaba en retroceso o uso dos zocos. Houbo algún momento no que intuíches ou oíches na casa que aquelo se acababa?

Non. Co taller nunca pasou iso, aínda que meu pai e miña tía si pensaban que os zocos ían morrer con eles, porque usábaos cada vez menos xente. Os zocos vendíanse desde setembro ata abril. A partir de marzo xa se vendían menos. A tempada forte era o inverno e, á parte de ter gando, facíanse traballos de verán para complementar a economía familiar. Tivemos unha plantación de fresas e mercabamos tractores ou camións de leña de carballo para vender polo concello. Aproveitábase que se ía á feira e, como a xente sabía que vendiamos leña, xa nola encargaban de cara ao verán para que fora secando. A miña é unha familia positiva. Meu pai e miña tía viviron con orgullo e dignidade o oficio de zoqueiro e así mo transmitiron a min. Nunca me avergoñei do meu traballo. A finais dos 70 foi unha época moi dura, entre 1975 e 1985 desapareceron moitos zoqueiros. De 10 ou 12 que ían á feira da Bandeira quedaron meu pai e outro e, como eu xa andaba polo taller, empecei a facer cousas de coiro, pulseiras, carteiras, e combinamos ese traballo co dos zocos. Da marroquinaría foi do que vivimos ata hai nada e agora démoslle a volta. É un 80 % zocos e un 20 % marroquinaría, cando antes era ao revés.

Ao acabar o Bacharelato non contemplaches ir á Universidade?

Fixen o Bacharelato en Lalín. Ía unha hora en autobús todas as mañás porque paraba cada 500 metros e, ao acabar, seguín no taller. Pasamos de facer feiras na comarca a facer feiras de todo tipo, de artesanía, gastronómicas, festivais… Como había menos clientes houbo que moverse máis por toda Galicia e, grazas a iso, puidemos vivir disto. Contemplara a posibilidade de facer Belas Artes, pero tirábame tanto isto… Xa tiña moito traballo porque cando ía ao instituto facíanme encargos de carteiras ou maletíns. Moitas fins de semana do inverno pasábaas facendo encargos e gustábame moito. Ademais era un reto facer cousas cada vez máis difíciles, non como agora que buscas un titorial en YouTube e xa ves como vai. Antes había que discorrer máis e iso axuda a resolver problemas. Podes dicir que tes un oficio cando sabes resolver os problemas que che xorden.

Que consellos recolliches da tradición familiar?

Moito respecto polo traballo. Vivimos disto, eu son unha romántica, pero o máis importante é que a xente saiba de onde veñen os zocos, para que servían e para que os usaba a xente. Temos unha tenda na Coruña e faise un traballo moi bo no sentido de achegar a nosa cultura a canta máis xente mellor, algo que para min é moi importante. A forma de facelos cambiou moito de como os facía meu avó a agora, pero máis que nada para que sexan accesibles de prezo. Se eu os sigo facendo igual, o custo sería máis elevado. Agora as madeiras xa se fan coa máquina e cortamos o coiro na troqueladora, que non deixa de ser traballo artesán adaptado aos tempos de agora. Eu respecto aos que traballan como hai 50 ou 100 anos, pero eles tamén teñen que respectar a outra xente que nos adaptamos. O principal é que os zocos non teñan un prezo elevado, que poidan estar ao alcance de todos. Os zocos saíron da xente humilde e teñen que seguir ao alcance da xente humilde. Os tradicionais están a partir de 50 euros, sempre un prezo moi axustado, porque cómpraos xente sen un poder adquisitivo alto, e os de cores a partir de 70 euros, tamén moi axustado para chegar a máis xente. Interésame o fondo da pirámide, non a punta. Isto é un traballo e unha empresa, temos que ganar cartos, pero adquirimos unha responsabilidade coa xente do taller, cos materiais e co cliente, aos que respectamos todo o que podemos.

O de zoqueiro será un dos oficios tradicionais con maior participación da muller?

Había moitas zoqueiras. Igual que no caso de miña tía e meu pai, no resto tamén, o que pasa é que a cabeza visible era o home. Era o zoqueiro de Merza e miña tía era como un anexo, pero era igual de zoqueira ca el. Cada un facía a súa parte e, coma eles, outros. O que pasa é que as mulleres traballaban canda eles, pero eran os homes os que ían ás feiras. Noutros oficios supoño que tamén pasará parecido. Na olería, que se ve máis de homes, claro que había mulleres. As costureiras xa son todas mulleres, aínda que cos xastres xa non pasa iso.

A quen se lle ocorre pintar uns zocos?

(Risas). Empecei a facer cambios no zoco tradicional no 1995, con 20 anos. Pintei as madeiras de cores e ata o 2010 foron probas que serviron para isto ao que chegamos, pero que non tiñan éxito. E durante eses 15 anos fun cambiando as cores do zoco tradicional, escollendo azul, verde ou vermello, pero non era o momento. Despois decateime de que non só había que cambiar as cores. O terreo que pisabamos era diferente, antes máis brando, porque se andaba sobre terra, herba ou lama, e o de agora máis duro, asfalto ou cemento. A forma de camiñar cambiara. Entón tamén había que cambiar a inclinación da madeira, levantar na punta para que dera mellor andar. O principal do zoco é que sexa cómodo, non só ten que entrar polos ollos, se non a xente non repetiría. Se os compra por bonitos e non se poden usar porque non se aguantan nos pés, mal asunto. Eu non uso zapato de tacón porque me resultan incómodos e outros lévanos encantados.

Acórdaste da cara que che puxeron na casa o día que pintaches o primeiro zoco?

Desde pequena facía experimentos e nunca lles sorprendeu. Pegáballes a risa. Hoxe mesmo estiven facendo un amaño para a cociña. Teño o meu banco de carpinteiro, o que lle chamo o laboratorio, e as ferramentas dánseme ben. Sempre fixen cousas nas máquinas de facer as madeiras e tiven moita sorte de non perder a man porque teño feito cada unha… Se o penso, non meto a man agora nin tola. Dáme medo só pensalo. Teño levado sustos e tiven sorte, pero cando es máis nova non ves tanto o perigo. Na casa nunca me dixeron non fagas iso ou iso é perder o tempo. Facíalles graza ou preguntábanme, pero iso venderalo? Pois xa se verá. Pero moi ben. Tiven sorte, porque ao mellor a outras persoas con iniciativa coma min non llas deixaron facer.

Alá polo 2010 encaixou todo. Os propios clientes foron a mellor publicidade. Os zocos empezaron a chamar a máis xente

Cando te deches conta de que por fin deras na tecla?

Alá polo 2010 encaixou todo. Os propios clientes foron a mellor publicidade. Os zocos empezaron a chamar a máis xente. Algunhas persoas comentábanme que ían pola rúa e parábanas para preguntarlles por eles: “Que calzado máis bonito! Ai, uns zocos. Onde os mercaches?” O boca a boca, ese foi o inicio. A madeira nova, que ao mesmo tempo tiña que ser atractiva á vista, foi o cambio máis grande e despois empezamos con peles que imitan animais, o animal print que agora estamos aburridos de ver en todo, pero no 2010 non estaba tan visto. E menos nuns zocos. Houbo que adaptar o taller e facer todos os cambios necesarios para chegar ata hoxe e pouco a pouco fomos sacándolle ese estigma aos zocos, esa forma despectiva de miralos. Non pretendo que sexa unha moda, senón un calzado máis e, sobre todo, que non morran. Se alguén os quere, que saiba que os hai.

Non pretendo que sexa unha moda, senón un calzado máis e, sobre todo, que non morran. Se alguén os quere, que saiba que os hai

E as redes sociais fixeron a súa maxia.

No 2012 creamos a páxina web e empezamos coas redes sociais e no 2013 fixen as primeiras montaxes con zocos no Facebook. Empecei sen pensalo. Aburríame poñer só fotos de zocos e pensaba, se me aburre a min, non van aburrir á xente. E foron saíndo fotos máis creativas, cada semana unha diferente e a xente empezou a compartir e a comentar.

Ata superar os 90.000 “Me gusta” en Facebook. Iso é moita repercusión.

Para os influencers non é nada, pero para un taller artesán son moitos (risas). A nós axudounos a facer marca, a que nos recoñecesen. Moita xente di quero uns Eferro en lugar de quero uns zocos. Que se asocie a marca aos zocos gracias ás redes socias é incrible. Co Instagram empezamos máis tarde e temos menos seguidores. O das montaxes ao principio era un fervedoiro de ideas que se vai esgotando ata que de repente chega un momento no que dis, e que farei para a semana? Trátase de sacar os zocos de contexto, de contar historias con retranca e, ás veces, outras non tan simpáticas. Hainas que son para reivindicar, pero sobre todo o que se pretende é que unha foto e unha frase pequena o digan todo. E tamén facemos os sorteos, que empezamos no 2013 cada día 1 de mes, na honra da feira de Monterroso. Como pouco a pouco nos ía mellor, sorteamos un par de zocos e iso tamén contribuíu a crear unha ilusión, porque a xente estaba pendente. No confinamento hai sorteos especiais cada 15 días.

Os contidos das redes sociais de Eferro destilan creatividade. Onde buscas a inspiración?

Mesturouse o de zoqueira e o de feirante. A escola da feira (risas). Vexo zocos en todas partes. Desde que fago as publicidades teño a cabeza niso e é máis fácil do que parece porque é poñer zocos en todas partes. Fago as cousas que me gustan. Como me encanta a música tradicional, as ideas xorden duns zocos ou dunha copla, e penso nun zoco ou en varios como se fose unha foliada. Non cociño moito, pero tamén me gusta e reláxame, e entón frito zocos ou fago sopa con zocos. As cousas que me gustan son a onde levo eu os zocos.

Falas desde a humildade, pero es o exemplo vivo da importancia de facerse valorar, un déficit moi galego…

Non podemos deixar morrer a nosa cultura, nin o idioma. Non hai que avergoñarse nin renegar do que es. É contra o que temos que loitar. Como persoa síntome moi orgullosa do que son, do meu traballo, da miña lingua e da miña terra e trato de expresalo nos zocos. Case o sinto coma unha obriga. Se deixo morrer isto, non mo perdoaría. Pensar que o tiven nas mans e deixeino morrer. O máis difícil penso que está feito. Agora, aínda que eu morra mañá, seguirá habendo zocos porque tamén hai máis talleres, que para min son unha honra, non unha competencia.

Os zocos chegaron ás pasarelas de moda en Vigo, Valencia, Barcelona ou Madrid. Non dá algo de vertixe?

É un orgullo. Era algo moi necesario normalizar e saber que poden estar en calquera sitio. Como son cousas puntuais, colaboracións con deseñadores que me gusta moito facelas, non considero que sexa máis importante que outras colaboracións que non chaman tanto atención. Gústame que o mundo coñeza o que son os zocos e, a raíz desas colaboracións, chegan mensaxes, xente que se interesa, e mándaslles información. Non quere dicir que merquen, pero é un traballo moi necesario. Fixen varias colaboracións cun deseñador que se chama Anel Yaos, entendémonos moi ben á hora dos conceptos, e é un orgullo poder estar aí.

Primeiro foi o premio Antón Fraguas da Deputación da Coruña en 2010 e, no 2019, o Premio Nacional de Artesanía do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Eses galardóns son combustible?

Son recoñecementos. O primeiro cadrou cando demos o cambio. En todos os gremios hai vacas sagradas, xente que se cre máis, pasa con todos, e sempre nos vían aos zoqueiros como feirantes, despectivamente. Eu non o considero un termo despectivo, pero esta xente si o usaba así. É un orgullo darte a valer, os zocos non morreron, están aquí. Pensabas que non servían para nada, que non se usan, pero estamos aquí, non morremos. Foi coma unha inxección de forza. No premio de Madrid estaba máis tranquila, porque non contaba que nolo ían dar. O primeiro que pensei cando dixeron o meu nome foi: ai meu deus, que agora teño que falar en público! (Risas). Non tiña nada preparado e saíume fatal. Que vergoña! Non o cría. Como me gustaría que a xente que se avergoñou de usar zocos, xa non por ser incómodos, os viran agora. A xente maior, nas feiras, mira para eles, ri e di: que bonitos! Antes só se escoitaban comentarios despectivos. Iso foi un logro e ese premio dediqueillo a todos os labregos e labregas porque son os merecedores del.

Elena Ferro, no centro da imaxe, recibindo o XII Premio Nacional de Artesanía.

Canta xente traballa en Eferro?

Somos dez persoas.

Hai algún pequeno na casa que apunte maneiras de zoqueiro?

Pasaron varios sobriños polo taller que axudaban nos veráns. Ata hai pouco estivo por aquí o meu sobriño Fernando. Eu agora non teño presente o de ter fillos, pero nunca se sabe. Creo que isto morrer non morre. Alguén seguro que segue co taller, de familia de sangue ou non.

Cantos pares saen ao ano?

Debemos andar entre os 7.000 e os 8.000 feitos, entre zocos e sandalias. A vida que teñen é moi longa. Cun coidado normal, aguantan moitos anos porque, cando se gastan as gomas, cámbianselle para que non se gaste a madeira, coma un zapato coas solas. Poden tirar 10 ou 12 anos, ata que te aburres. Agora, por sorte, temos moitos pares de zapatos, non coma antes que era un só. Agora non os acabamos.

Os que si se van acabando son os nomes de lugares que lles pos aos zocos.

Ao principio parecía que ía sobrada, pero agora xa teño que recorrer a Google Maps e empezar a ampliar para ver aldeas, Cando vou no coche tamén me fixo nos letreiros e tomo nota. Aínda hai moitos para poñer. Os nomes van asociados ao modelo de zoco. Os que levan unha caveira detrás do talón e son de cor negra son os da Costa da Morte, mentres que os modelos de verán teñen nomes de sitios máis costeiros, como Illa de Ons, pero hai outras moitas posibilidades.

Son de aldea. É onde me dou ben. Necesito horta, plantar e estes días aproveito para unha masterclass de horta de miña nai. Éncheme de orgullo que veñan mercar á aldea

Quedaches na aldea. Que veñan eles.

Fun lista e escapei (risas). Temos tenda na Coruña e teño que pasar por alí, polo que a Merza veño un día si e un día non e, cando hai apuro, quedo toda a semana. Pero son de aldea. É onde me dou ben. Necesito horta, plantar e estes días aproveito para unha masterclass de horta de miña nai. Éncheme de orgullo que veñan mercar á aldea. É unha sorte, porque sempre fomos nós á busca da xente, facendo quilómetros e quilómetros todas as fins de semana. Aínda seguimos indo, pero vir ao rural é moi cómodo. Non hai que buscar sitio para aparcar.

Outra cousa que demostraches é que o galego sirve para facer negocios.

O que quere entender, entende, e nada máis, como facemos os demais cando buscamos algo en Alemaña. Se non entendo, fago por buscar o que significa, pero non lle digo a ese alemán, “oes, como me pos isto en alemán, fálame en cristián que non te entendo”. Os que protestan polo galego son xente de aquí, non os de fóra. Cos de fóra empezas en galego e, cando ves que non son de aquí, cambias a castelán ou a inglés. Pero ningún de fóra se ofendeu por falarlle en galego.

Probas o produto?

Por suposto. Antes de vender algo novo, probámolo como mínimo un ano. Iamos sacar agora un modelo novo de madeiras e ímolo retrasar ata que se poña ben isto. E probámolo varias persoas, por se ten algún defecto ou algo que mellorar. Son moi repugnante para os pés e polo tanto unha boa probadora. Non ando de zocos todos os días, pero gústame o calzado en xeral e uso deportivas sobre todo.

Cal é o perfil maioritario de comprador?

Muller nun 80 % e con idade entre 30 e 50 anos,  maioritariamente. Sabémolo grazas ás estatísticas das redes sociais. Pero tamén hai zocos para nenos e homes.

O máis raro que fixen foron uns zocos para unha Drag Queen

Houbo algunha petición que che chamara a atención?

A encarga foi unha parte moi importante para que isto funcionase. Personalizamos o zoco, facémolo á carta, e así son máis exclusivos. Cada persoa pide ao seu gusto e iso supón ao redor dun 40 % do que facemos. Outra cousa que aprendín foi a dicir que non a algunhas cousas. Antes non sabía dicir que non e agora aprendín. O máis raro que fixen foron uns zocos para unha Drag Queen. Son altísimos e gústanme moito porque era un reto facelos e o cliente quedou encantado.

A quen non lle venderías uns zocos ou onde non os venderías?

Á xente mala.

Pódese sacrificar a comodidade ou as calidades pola moda ou sería un gran erro?

O principal do zoco pechado de inverno é que sexa quente e non pase auga, igual que o tradicional, é o uso que tiñan. Os de verán meten auga, porque son para o que son, pero a base hai que respectala.

Pensaches en deseñar outras prendas?

Fixen marroquinaría, bolsos, carteiras, pero a roupa non me tira.

Os veganos tamén poden poñer zocos?

Escoitamos moito aos clientes, moitas cousas das que facemos son a petición, e despois de vir 15 ou 20 persoas dicindo se para os veganos non tiñamos nada, dáste conta de que hai que facer algo para eles. Buscamos un tecido sintético que fose bonito, cun aspecto parecido ao coiro e fixemos zocos para veganos. Hai que adaptarse, canta máis variedade, mellor, pero non hai stock, imos facendo segundo encarga.

Xa hai zocos nos cinco continentes?

Si. A África entraron por Ceuta e Melilla e Nova Zelandia é o sitio máis lonxe ao que chegaron. Tamén lles gustan moito aos chinos e aos xaponeses.

Aínda dás co martelo no dedo?

Aínda dei hai un pouco. Non estaba nos zocos, pero deille. Acórdome da artrose (risas). Como di meu pai, estache ben, que así avivas un pouco.

Se a inspiración vén traballando, ti bótaslle moitas horas.

Si. Moitas veces dimo miña nai. Estou sentada coa vista perdida e pregúntame: Estás pensando? Si. Vale, vale, xa che digo despois. Se teño que facer unha montaxe, penso e penso mentres vou facendo outras cousas no taller, pero se non me sae ao mellor collo o coche e vexo algo no camiño ou ao chegar á casa crúzome con algo e ocórreseme unha idea. Non sei como fai o resto da xente, pero supoño que me pasa como a todo o mundo. Isto non é un traballo de oficina, un contable. Aquí, se che gusta, tes a cabeza sempre niso e, cando desconectas, aínda máis cousas se che ocorren. Gústame viaxar e, de desconectar e descansar, é cando traes máis ideas novas e frescas doutros sitios e doutras culturas. De todo se aprende.

Hai risco de morrer de éxito?

Doutras cousas seguro, pero de éxito non. Son a mesma persoa, pódencho dicir os meus amigos. Teño os pés moi na terra e son a mesma de sempre, igual que de pequena, responsable, o máis coherente posible, cos meus erros, os meus pensamentos e os meus ideais. A mellor cousa que me ensinou a miña familia é o de non lle fagas a ninguén o que non quixeras que che fixeran a ti. E partindo desa base xa sabes se fas ben ou mal, tanto aplicado á vida persoal como ao traballo. Non son nin máis nin menos que calquera persoa que traballa neste taller, unha máis dun equipo.

ELENA FERRO, en poucas palabras

  • Con quen che gustaría ir de cañas ou saír de copas? Cos meus amigos.
  • Unha data especial para ti. O 20 de xuño.
  • A túa comida e bebida preferidas. O caldo de miña nai e zume de mazá.
  • A túa película preferida. La vida es bella.
  • Unha serie. Mareas vivas.
  • Un libro que te marcou. Todo Mafalda.
  • Unha canción. Muller, de Fuxan os Ventos, con letra de Marica Campo.
  • Un grupo ou un/unha cantante. Ana Kiro, foi o meu primeiro amor (platónico).
  • Se non foses artesá serías… Cociñeira.
  • Un recuncho de Galicia para perderte. O Caurel.
  • A túa persoa favorita? Pepe Mújica.
  • De que persoeiro famoso es moi fan? Castelao.

  • A túa peor manía. Cando vou camiñando, se vexo un parafuso ou unha arandela teño que apañala, non a podo deixar no chan.
  • Se arde a túa casa, sen contar as persoas, que salvarías? As miñas ferramentas.
  • Unha viaxe por facer. Chile.
  • Que ou a quen levarías a unha illa deserta? Unha navalla polivalente.
  • Un vicio. Chocolate.
  • Un pecado/delicto confesable. Non teño.
  • Un soño ou pesadelo recorrente. Caer ao baleiro.
  • Un sentimento. O amor.
  • Unha palabra en galego… Aloumiño.
  • Praia ou montaña. Praia, porque téñoa máis lonxe.
  • Un lugar para vivir. Calquera aldea.
  • Un desexo. Sanidade e ensinanza pública en todo o mundo.

Reflexións de ELENA FERRO sobre…

Feminismo

Imprescindible en mulleres e homes. A revolución será feminista.

Inmigración

Xérame moita tristura. Os galegos fomos un pobo emigrante e a xente non emigra por pracer. Por iso temos que ter empatía coa xente que sofre e que deixa a súa terra sen nada nos petos.

Política / Políticos

Deben servir ao pobo, non aos seus propios intereses. 

Monarquía

Prescindible completamente. Non creo no sangue azul.

Cambio climático

Debemos poñer remedio urxentemente e coidar a terra que pisamos e nos dá vida.

Aborto

Legal. Liberdade na decisión.

Eutanasia

Legal. Recordo unha frase que escoitei dunha señora maior que dicía: “o peor non é morrer, o peor é non dar morrido”

Redes sociais

Foi a orixe do recoñecemento da nosa marca. No meu caso emprégoas por traballo. Unha boa ferramenta se non che come moito tempo ao día.

Etiquetas ArtesaníaCalzadoVila de CrucesZocos

Entrevistas Relacionadas

Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”
Economía-Empresas

Cristina Codesido: “En el proceso de creación de Petroni estaba todo ahí. Galicia nos lo regaló todo”

por Xabier Colmeiro
25/06/2020
0

O móbil de Cristina Codesido Fernández (Padrón, 1974) protesta pola paréntese que abre na súa febril actividade para responder ás preguntas de somostribo. A xerente...

Ler máis
Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

Brais Revaldería: “Coñezo persoas que se preocupan menos polos seus familiares cá xente de Sabucedo por eses cabalos”

16/06/2020
Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

Avelino Souto: “Se lle digo a un universitario de Vigo ou da Coruña que veña recoller a merda das vacas, ponme o caldeiro de sombreiro”

12/05/2020

Copyright © 2020 wecom

No Result
View All Result
  • INICIO
  • somostribo
  • cultura
  • deporte
  • economía-Empresas
  • contacto

© 2023 JNews - Premium WordPress news & magazine theme by Jegtheme.